Caballero considera incomprensible a pretensión de Rajoy de gobernar cos votos que os cidadáns deron ao PSOE
O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, tachou este mércores de “incomprensible” a pretensión de Mariano Rajoy de contar co apoio do PSOE e Ciudadanos para configurar un goberno de “amplo espectro”, e reiterou que os populares non terán os votos dos deputados socialistas para a investidura.
Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico criticou esa pretensión de Rajoy de formar goberno “cos votos que os cidadáns deron ao PSOE” que é un partido “que non ten nada que ver co PP”. “É significativo”, apuntou, en alusión á proposta do candidato popular e presidente do Goberno en funcións, e engadiu: “Non vai ter eses votos, nin Rajoy, nin ningún candidato do PP”.
Por outra banda, o alcalde socialista tamén reiterou a súa “perplexidade” pola “condición incumplible” exposta por Podemos nun hipotético escenario de pacto cos socialistas. “O PSOE nunca vai falar con ninguén que fale de autodeterminación. Pór esa condición é o mesmo que dicir que non quere pactar co PSOE”, proclamou.











