Caballero: “A vontade da Xunta durou o mesmo que dous peixes de xeo nun whisky on the rocks”
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este xoves que a vontade da Xunta para solucionar a situación do urbanismo na cidade tras a anulación do plan xeral (PXOM) “durou o mesmo que dous peixes de xeo nun ‘whisky on the rocks”, parafraseando a canción de Joaquín Sabina.
Durante a súa intervención para presentar á candidata socialista Dolores Galovart, nun almorzo coloquio organizado por Nova Economía Forum, o rexedor olívico confirmou que este xoves se deu o primeiro paso para iniciar a redacción dun novo plan, porque Vigo “non se vai frear nunca por nada”.
Caballero subliñou que o goberno de Vigo quería “contar co apoio da Xunta” neste proceso, e criticou que a administración autonómica, malia ofrecer ese apoio, rexeita agora que se tramiten por vía supramunicipal proxectos como a ampliación das dotacións xudiciais, a ampliación do Parque Tecnolóxico ou a estación intermodal e a do AVE.
“Sorprendeume escoitar esta mañá á ministra Pastor culpando de todo isto ao alcalde, sen dúbida o fixo sen malicia”, ironizou Caballero, quen insistiu en que “o goberno de Vigo vai resolver un problema que produciu a Xunta”. Así mesmo, sinalou que segue esperando por unha resposta da titular de Fomento para manter unha reunión e abordar o futuro desenvolvemento da estación.











