publicidade hoxe

Bueu ofrece un programa de Nadal con actividades culturais, musicais e deportivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Concello de Bueu estará ateigado de actividades de todo tipo e para públicos variados, volvendo por un momento á tempada estival que é cando hai máis movemento na vila e no Morrazo en xeral. Concertos, maxia, teatro, carreiras e xogos populares, ademais da visita dos Reis e do Apalpador, propias destas datas. Actividades variadas e para todas as idades, non esquecéndose dos máis desfavorecidos, motivo polo cal hai diversos actos que se destinan a axuda de alimentos. Na rolda de prensa de hoxe pola mañá, Manuel Otero, concelleiro de deportes, e Xabier Framil, técnico de cultura, coincidiron na variedade das propostas, xa que hai moitas promovidas polo concello e outras polas diversas asociacións e colectivos. Algo que tamén se destaca neste amplo cartel é que as actividades organizadas polo Concello son todas gratuítas e buscan a flexibilidade de horarios.

Unha das actividades estrela e con continuidade entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro son os “Obradoiros e xogos polo Nadal” que irán destinados a rapaces de entre 3 e 12 anos, de 10 a 14 horas. Haberá un total de 20 prazas, podendo inscribirse a partir do 21 de decembro no Servizo de Cultura do Concello.

O cartel de Nadal propiamente dito iniciarase este sábado 19 de decembro cun concerto a cargo da Banda de Música Artística de Bueu con entrada libre e destinado a recoller alimentos para Cáritas, en especial latas e conservas.  O domingo na Casa Reitoral de Beluso escenificarase un Belén vivinte a cargo da Asociación San Marcos de Beluso entre as 16.30 e as 20.30 horas, e ás 18 horas haberá un concerto dos rapaces guitarristas de Bueu no Centro Social. O 21 pola tarde, a Aula de Música do Concello tamén ofrecerá o seu tradicional concerto. Ademais este sábado e domingo organízase a Campaña Solidaria de Nadal en colaboración con Argo Navis, o Club do Mar de Bueu, e o Ximnasio Cardio Sport, que desenvolverán diversas actividades gratuítas ás que se poderá asistir a cambio de alimentos non perecedoiros.

Continuamos o martes 22 de decembro cun concerto para nenos e nenas a cargo de Os Piñeiriños, que presentan entre as 17.30 e as 18.15 horas un espectáculo poético e musical no que se poñen en escena os diferentes poemas recollidos no libro CD “Canta a lúa coas estrelas”.

O mércores desenvolverase unha actividade medioambiental, coa visita e explicación didáctica sobre diversas especies de árbores que se atopan nos arredores, entre as 10.30 e as 13.30 horas. E pola tarde, a partir das 18 horas “A bruxa Maruxa” volve a Bueu cunha sesión de teatro para os máis pequenos no Centro Social.

O 24 é o día da visita do Apalpador a Bueu, que estará ás 12 na Praza Massó patrocinado pola Deputación para saudar aos pequenos da casa, mentres o 26 o Centro Social acolle un festival de panxoliñas ás 20 horas, e unha carreira de Nadal ás 17 horas con saída na Praza Massó, non competitiva e aberta a todas as idades, destinada á recollida de alimentos non perecedoiros.

O 27 haberá maxia a cargo do mago Paco no Centro Social ás 18 horas e o luns 28, cine de Nadal con “Maimiño” en dous pases ás 16.30 e ás 18.30 horas. O martes todas as idades poderán participar das Xornadas de Xogo Tradicional na Praza Massó. Ademais haberá marionetas a cargo das “Tres raíñas magas” ás 18 horas no Centro Social con entrada libre ata completar aforo. 

O mércores 30, nova sesión de cine coa “Canción do mar” no Centro Social en dous pases, ás 16.30 e ás 18.20 horas, cun custe de 2 euros para socios do Cineclub e 3,50 para os non socios.

A festa-sorteo de premios da gymkhana infantil “Mini- chefs do Morrazo” de FECIMO terá lugar o sábado 2 de xaneiro na Praza Massó ás 17 horas, aínda que en caso de chuvia se trasladará ao Centro Social. Ese mesmo día e á mesma hora terá lugar o II Torneo de Nadal de Xadrez na sala Domínguez Búa.

O domingo 3 de xaneiro é a quenda do gospel, do que haberá un concerto benéfico ás 18 horas no Centro Social para recoller alimentos non perecedoiros para a Axuda Municipal de Alimentos.

O luns 4 volve a cachiza cun torneo infantil de 11 a 13 horas na zona da Estacada, no que poderán participar nenos e nenas de entre 8 e 14 anos. E ás 20 horas celebrarase o Festival de Nadal Retrouso de Cela.

O día 5, Bueu acollerá a recepción dos Reis Magos na Casa do Concello ás 12 horas, e ás 18 horas celebrarase a tan agardada Cabalgata dos Reis Magos polas rúas da vila, actividade na que colaboran as ANPAS dos centros de Cela, Virxe Milagrosa e A Pedra.

Todas estas actividades poderanse consultar no calendario de eventos do que dispón a páxina web do concello: www.concellodebueu.org.

17 de decembro de 2015 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.