Besteiro critica que a ministra Tejerina “veña a Lugo agora a prometer o que non cumpre”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reprochou á ministra de Agricultura e candidata número 3 por Madrid, Isabel García Tejerina, que non acudise a Lugo cando se produciron as protestas dos gandeiros pola situación do lácteo e agora veña en campaña electoral “a prometer cousas que non cumpren”.
Tras reunirse con membros dunha granxa de produción de leite, na que un gandeiro asegurou que están abocados a cambiar de ámbito de traballo do leite ao sector cárnico, posto que “non serviu para nada” o que se falou durante as protestas do lácteo; José Ramón Gómez Besteiro remarcou que os socialistas teñen “tomada consciencia absoluta” de como está o sector.
“Tivo unha oportunidade boa hai dous meses cando había esas concentracións de todos os gandeiros e non veu; vén hoxe, nun ambiente encorsetado, pechado e sen falar coa xente, sen tocar a realidade dun pobo”, reprochou Besteiro, quen indicou que “esta é a realidade que hai que cambiar”.
Para Besteiro, é necesaria unha “proposta clara e limpa de aumentar o tamaño das explotacións, clara e limpa de apoiar unha industria propiamente galega e, sobre todo, cunhas condicións nas distribucións que non marquen e impoñan a súa lei”. En todo caso, o líder socialista incidiu en que “Galicia non está preparada, nin quere prepararse de man do PP para os futuros retos”.
“DIXERON QUE ESTABA TODO ARRANXADO”
Na súa intervención, Besteiro indicou que “hai dous meses, Feijóo e Tejerina” dixeron que “estaba todo arranxado” e “que os prezos ían subir”. Respecto diso, lembrou que o PSOE “discrepaba con que esa fora a solución do sector e agora vemos como están a pensar en novas mobilizacións”.
“Esta é a realidade do PP e da ministra Tejerina que hoxe está en Lugo, pero que está nun ambiente irreal. A realidade é que se pecharon explotacións, case dúas ao día e 80 ao mes, o que leva acompañado o abandono do territorio e todas as consecuencias directas”, incidiu.
Besteiro recriminou que, durante os últimos catro anos de crises, o Goberno “non fixo nada polo sector”. “Non cre no sector e, por tanto, está a outra cousa que non sabemos, pero non está a defender o sector primario”, salientou, para alegar que “todo isto co aplauso de Feijóo, que nunca creu nel”.
POTENCIAL DO SECTOR
O líder socialista lembrou o potencial do sector lácteo galego, que aglutina o 40 por cento da produción do todo o Estado, e advertiu de que están en risco fondos europeos, “porque foron incapaces de executalos”. “Se iso é boa xestión, que baixe deus e o vexa”, lamentou.
Besteiro denunciou que esta situación provoca o “despoboamento” de Galicia e o peche das explotacións galegas, que son a “verdadeira economía galega”, xa que “este diñeiro non se vai para Suíza, queda aquí, distribúese en supermercados, en mercerías, dan vida a un pobo e a unha comarca”. “E o que están a facer é arruinar o sector”, acusou aos populares.
O líder socialista remarcou que “a realidade é que estamos peor que nunca” e que se confirmou que Galicia “non estaba preparada para a liberalización das cotas”. “Nunca viviron un escenario peor que o que se está vivindo agora e provincias como a de Lugo están abocadas a ser outra vez provincias cheas de pobreza”, lamentou Besteiro, quen se mostrou convencido de que se o problema fose co aceite en Andalucía si lle preocuparía” ao PP.
“Pero aquí non lle preocupa nin o forestal, nin os gandeiros, nin a pesca e en eleccións veñen prometer cousas que non cumpren”, sentenciou.











