Beatriz Mato: “A Xunta realizará todo o que estea dentro das súas competencias para resolver a situación urbanística de Vigo”

Beatriz Mato na reunión con representantes zona franca
A Conselleira de Medio Ambiente de Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, desprazouse hoxe a Vigo para avaliar con representantes da Zona Franca os detalles dos seus proxectos e coñecer de primeira man a súa situación tras a anulación do PXOM da cidade olívica. Na xuntanza estivo acompañada tamén polo delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves.
A representante autonómica transmitiu, tanto na reunión como posteriormente, que o Goberno galego realizará todos os esforzos posibles dentro das súas competencias para contribuír a solventar a situación urbanística de Vigo e para minimizar as consecuencias da anulación do planeamento.
“Todo o que sexa competencia da Xunta vaise facer, absolutamente todo. E ímolo facer con rigor e dilixencia, pero o Goberno galego non poderá asumir competencias que non son autonómicas”, explicou a conselleira.
Mato volveu reiterar o ofrecemento do Goberno galego de colaborar e asesorar ao concello en todo o que precise, tal e como se fixo desde o primeiro momento. “Esa vontade segue absolutamente en pé”, insistiu.
Ademais, na súa intervención, a conselleira destacou de novo que o instrumento máis idóneo para a cidade no seu conxunto é un novo Plan Xeral, que dotará de seguridade e estabilidade xurídica ao urbanismo da cidade olívica.
“Neste caso non hai atallos”, sinalou Mato, quen recordou que os plans sectoriais ou supramunicipais teñen tempos de tramitación similares aos que terá a tramitación dun novo PXOM tras a entrada en vigor, a principios do próximo ano, da nova Lei do solo, que axiliza estes trámites.
Por último, explicou que o proxecto do polígono de Balaídos ten unha “particularidade” distinta ao doutros proxectos da cidade pola súa excepcionalidade temporal. Ao respecto, aclarou que o Goberno galego está actualmente estudando cal sería a solución máis axeitada para esta actuación.











