Aspanaes recibe o “VIII Premio Solidario Cidade de Ferrol”

Entrega do premio
A Corporación ferrolá fixo entrega esta mañá do “VIII Premio Solidario Cidade de Ferrol” ao proxecto de capacitación laboral “Capacita: eu quero ser administrativo” da asociación Aspanaes, a Asociación de pais e nais de persoas con trastorno de espectro autista, encamiñado a que as persoas con T.E.A. accedan en igualdade de oportunidades ao mercado laboral e sexan parte activa da sociedade na que viven.
O acto de entrega tivo lugar no Salón de Recepcións do Concello de Ferrol presidido polo alcalde, Jorge Suárez, e a teniente Alcalde, Beatriz Sestayo, xunto cos representantes dos demais grupos políticos da corporación, as entidades sociais da cidade e as que participaron no concurso, e coa actuación de membros da banda ferrolá de música.
O premio conta cunha dotación económica de 5.000 euros e inclúe o patrocinio e a divulgación do proxecto. A esta edición presentáronse as entidades Acción familiar, Afal Ferrolterra, Alcer no Fogar, ASCM, Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Asociación Parkinson Ferrol-Ferrolterra, Asociación Persoas Xordas de Ferrol, Aspanaes, Ategal, CEE Terra de Ferrol, Cociña Económica, COGAMI, Diversidade Funcional e Teima Down.
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, destacou o “día significativo e sinalado” tanto para o Concello como para o tecido asociativo no que se premia “o traballo, accións concretas para dar resposta a situacións de dificultade, para persoas que sofren algún tipo de limitación ou discapacidade” e un día para sensibilizarse e recoñecer o “traballo silencioso e impagable do día a día feito con entrega e vontade de cada unha das persoas, educadores, pais, mestres, auxiliares, profesionais da sanidade” que poñen o seu empeño en “dar pequenos grandes pasos”.
Pola súa banda, a teniente de Alcalde e concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo, sinalou que dese “mundo mellor e utópico” no que todos e todas desexarían estar forman parte as persoas, os voluntarios e os profesionais que “cada día fan deste mundo con tantas limitacións e tantas inxustizas un lugar máis habitable e un lugar mellor para vivir todos”.
Sestayo resaltou o proxecto tan “conmovedor, tan profundamente humano e que chega á alma lendo só un minuto de traballo de Aspanaes” e rematou agradecendo a súa participación a todas “as entidades e persoas que facedes minutos mellores para o mundo na vontade de facer un mundo mellor para todos e todas”.
Lembrou que “o xurado que acordou os premios por unanimidade reuniuse o 10 de decembro, o Día Internacional dos Dereitos Humanos” e que hoxe se fixo entrega ante a proximidade do Día da Solidariedade Humana que se celebra o día 20.
María José Folgar, presidenta da Aspanaes, lembrou que a entidade conta con 36 anos de antigüidade e atende a 369 persoas con trastorno autista, tendo 166 traballadores. Destacou a relevancia do proxecto que recibiu o premio por avanzar na inclusión das persoas, dotándoas de confianza e autodeterminación e creando oportunidades reais para un “futuro inclusivo, equitativo e mellor”.
O “Premio solidario Cidade de Ferrol” ten como obxecto principal premiar os esforzos de iniciativas e proxectos desenvolvidos no ámbito da solidariedade, a cooperación e o voluntariado, tanto a nivel local como internacional.
O proxecto presentado por Aspanaes ten carácter pioneiro e está dirixido a persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 21 anos co fin de que accedan en igualdade de oportunidades ao mercado laboral. Permite a adquisición de destrezas e competencias no centro de día Aspanaes “Coral Seoane”, situado en San Pedro de Leixa, e a realización dun itinerario prelaboral nun entorno real, na Cooperativa de Meirás.
Nos criterios de concesión do galardón valorouse o interese xeral e específico do proxecto, o seu planeamento formal en base ao seu seguimento, continuación e avaliación final, o seu carácter innovador, que favoreza a participación directa dos beneficiarios facendo á poboación protagonista da acción promovida, o impulso a dinámicas que favorezan o autodesenvolvemento, a promoción da igualdade de xénero, o respecto ao medio ambiente e a súa relevancia no ámbito local e para colectivos con dificultades específicas en particular.











