As seleccións galegas infantil, cadete e xuvenil de balonmán viaxan a Almería para disputar o Campionato de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

As seleccións galegas infantil, cadete e xuvenil masculinas e femininas partirán o día 1 de xaneiro en dirección a Almería, onde terán lugar os campionatos de España de seleccións territoriais destas categorías entre os días 3 e 8 de xaneiro. Os combinados galegos viaxan coa máxima ilusión despois de varios meses de traballo preparando esta importante cita. O pasado ano os resultados foron espectaculares, cun ouro para o equipo infantil feminino e dous bronces (cadete feminino e xuvenil masculino).

A expedición galega está formada por 120 persoas (deportistas, técnicos, fisios, árbitros e delegados) e partirán o día 1 de xaneiro en autobús dende Lalín a partir dos 20:00 horas. Con anterioridade (ás 18:00 horas) adestrarán en Lalín (pavillón vello e Lalín Arena).

Será a terceira vez que se celebren os tres campionatos de forma simultánea na mesma comunidade (en 2014 en Asturias e o pasado ano en Castellón). Este gran evento reunirá a case tres mil deportistas das 17 comunidades autónomas e as cidades autónomas de Melilla e Ceuta. En total participarán 105 seleccións e os partidos disputaranse nas localidades de Almería, Vícar, Roquetas e El Ejido.

A competición comezará o día 3 e as seleccións galegas terán o seguinte calendario:

Infantil feminino. Galicia, dirixida por Carla Abad, está incluída no grupo A xunto a Cataluña, Aragón e Castela e León. O primeiro partido celebrarase o día 3 contra Cataluña (11:15 horas). As mini-galaicas acadaron o título o pasado ano, pero é un equipo completamente renovado.

Infantil masculino. O equipo galego, con Pablo Blanco coma adestrador, conforma o grupo A xunto a Andalucía, Canarias e Euskadi. Galicia debutará no torneo fronte á anfitrioa, Andalucía (11:15 horas).

Cadete feminino. Alejandro Ocampo é a seleccionadora do equipo cadete feminino que debutará o día 3 de xaneiro contra Andalucía (13:00 horas). Forma parte do Grupo A xunto a Andalucía, Valencia e Asturias. Moitas das nenas foron as campioas do pasado ano en infantil, pero tiveron problemas durante o período de preparación, xa que sufriron moitas lesións.

Cadete masculino. O equipo galego enfrontarase a Andalucía, Aragón e Cataluña no grupo B. O primeiro partido será contra Andalucía o día 3 (13:00 horas). O adestrador cadete masculino é Sergio Carballeira.

Xuvenil feminino. A selección xuvenil feminina, dirixida por Javier Luengo, terá un complicado grupo (B), xa que se enfrontará a Cataluña, Valencia e Andalucía. Debutarán o día 3 (13:00 horas) contra Cataluña.

Xuvenil masculino. Galicia forma parte do Grupo B xunto a Cataluña, Andalucía e Asturias. O primeiro partido será contra Cataluña o día 3 (13:00 horas). Adestrador: Ismael Martínez

30 de decembro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.