As brigadas de obras de Ames xa poderán empregar o novo material mercado polo Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O 20 de outubro de 2015 aprobaba a Xunta de Goberno Local, reunida en Pleno Ordinario, o expediente de contratación do servizo de subministro de maquinaria de parques e xardíns. A empresa adxudicataria,  tralo procedemento aberto e de oferta económica máis vantaxosa, foi a empresa Casalonga S.L. O orzamento aproximado polo Concello para tal adxudicación era de 38.204,54 euros.

Como indica o concelleiro Blas García, de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, de quen  dependen as brigadas de obras, esta decisión débese a que”había un déficit de materiais de mantemento de parques e xardíns, polo que decidimos proceder á súa compra”. O concelleiro engade que ”había material, como o tractor-cortacéspede, que era alugado” e que a compra deste subministro suporá, á longa é para o Concello ”un aforro”, ademais dunha ”mellora da operatividade do persoal das brigadas”.

Esta mañá, a día 7 de decembro, Casalonga S.L fixo entrega dos tres primeiros lotes deste subministro (composto por un total de catro lotes) que inclúen: un tractor-segadora, unha segadora-cortacespede, seis desbrozadoras, un cortasetos, unha motoserra, unha pértega de poda e unha limpadora a alta presión de auga fría profesional. O material foi depositado na nave de obras do Concello en Bertamiráns. O custo dos tres lotes ascende a 13.255,52 euros, aos que habería que engadir o importe dun cuarto lote, composto por unha biotrituradora autónoma, á que o Concello estimaba un custo de 15.290 euros sen IVE incluído. 

Todo o material entregado conta un prazo de garantía de tres anos. Ademais, o prazo de Servizo de Reparación e Asistencia Técnica Oficial deberá ser de menos de 24 horas, segundo estipula o contrato firmado entre o Concello e Casalonga S.L.

7 de decembro de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.