As anpas de Vigo comprométense coa campaña da Deputación de Pontevedra polo xogo igualitario e non violento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reuniuse esta mañá con responsables da Federación de Asociacións de Nais e Pais do Concello de Vigo para dar a coñecer a campaña que está a impulsar a institución provincial e que leva por título “Por un xogo igualitario e non violento”. Esta campaña, que ten por obxectivo reflexionar sobre a adquisición de xogos, xoguetes, libros ou videoxogos coa finalidade de impulsar a igualdade e evitar a violencia, inclúe ademais un decálogo para axudar a identificar os agasallos adecuados que promoven o xogo igualitario e non violento, o diálogo e o consenso, a paz e a creatividade.

A Federación das Asociacións de Nais e Pais de Vigo comprometeuse a apoiar a Deputación de Pontevedra na difusión da campaña “Por un xogo igualitario e non violento”. Para iso distribuirá nas vindeiras horas ata 2.500 dípticos nos centros escolares da cidade de Vigo coa finalidade de achegárllelos ás familias.

A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “esta campaña quere sensibilizar a sociedade para que nos fagamos conscientes de que cousas que facemos de forma natural van creando estereotipos sobre a situación que ocupan as mulleres e os homes. Regalar a unha nena un disfrace de princesa ou a un neno de superman implica que lles esteamos aplicando roles apartados da igualdade; de feito tivemos serias dificultades para atopar unha imaxe dunha nena dando patadas a un balón”.

Carmela Silva destacou a necesidade de iniciar o camiño da igualdade desde o berce, “que nais, pais e educadoras e educadores tomen conciencia para que, desde o berce, nenas e nenos compartan espazos de xogo, xoguetes en igualdade, que nos esquezamos de estereotipos porque os xoguetes non teñen sexo, non hai xoguetes de nenas e nenos, senón que hai xogos que permiten divertirse, socializar e fomentar a creatividade”. Neste contexto a presidenta da Deputación engadiu que “unha boneca, un coche ou un garaxe é un extraordinario xoguete tanto para un neno coma para unha nena. Unha tarteira pódese converter nun tambor para facer música ou nun lugar onde se poden sentar; todo o que está ó noso arredor pódese converter en xoguetes cos que nenas e nenos poden xogar de forma colectiva ou individual, impulsando a súa creatividade”.

Carmela Silva agradeceu o compromiso da Federación de Asociacións de Nais e Pais do Concello de Vigo por apoiar esta iniciativa da Deputación de Pontevedra, xa que “sen eles sería moi difícil chegar ás familias”. Tamén a presidenta asegurou que “este apoio non é novo, xa que a Federación ten un firme compromiso na defensa da educación pública, universal, de calidade e en igualdade, son coñecedoras e coñecedores de que ou educamos en igualdade ou, sinxelamente, non educamos”. A maiores, a presidenta da Deputación subliñou a importancia da educación en igualdade, pois “desigualdade e violencia van da man e a violencia machista é un exemplo”.

Pola súa banda, a portavoz da Federación de Asociacións de Nais e Pais do Concello de Vigo, Bertila Fernández, informou que esta semana chegaranlles ás familias os dípticos informativos da campaña “Por un xogo igualitario e non violento” e agradeceu a posta en marcha desta campaña, xa que “as familias somos as que educamos e, a través desta importante ferramenta que nos aporta a Administración, poderemos impulsar que as nosas fillas e fillos sexan cidadáns comprometidos”. Ademais, Bertila Fernández destacou que, grazas á campaña, impulsaremos que “nenas e nenos xoguen entre eles, na escola e en familia, creando espazos de xogo de calidade”.

15 de decembro de 2015 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.