As 30 prazas da Ludoteca de Nadal cubriranse por sorteo se a demanda é superior
A Concellería de Xuventude abre mañá, mércores 2 de decembro, o prazo de inscrición na ludoteca de Nadal destinada a nenos e nenas de 3 a 7 anos de idade. O departamento que dirixe Sonia Outón oferta 30 prazas que se adxudicarán directamente si a demanda non supera á oferta, ou por sorteo no caso de que haxa máis solicitudes que prazas. Os interesados dispoñen de prazo ata o día 9 para realizar a inscrición para o cal deberán dirixirse ao Rexistro Xeral do Concello de luns a venres de 8.30 a 14.30 horas e de 17 a 20 horas; e os sábados de 10 a 13 horas.
O obxectivo desta ludoteca é ofrecer unha alternativa de ocio para os activos e de conciliación para as familias de cara ás vacacións escolares de Nadal. Trátase dunha actividade de carácter gratuíto destinada a nenos e nenas empadroados en Vilagarcía nados entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2012.
O servizo desenvolverase polas mañás no ximnasio do CEIP da Escardia os días 21, 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro e os días 4 e 5 de xaneiro, en horario de 9 a 14 horas. As actividades a desenvolver inclúen obradoiros artístico-creativos, manualidades, xogos guiados e libres.
Ao tratarse dun servizo que ten unha finalidade conciliadora, o período de chegada e recollida dos nenos flexibilízase a efectos de que as familias poidan adaptados mellor aos horarios laborais dos proxenitores. Así, o horario de entrada será de 9 a 9:15 horas e o de saída de 13:45 a 14.
Aparte de ser unha medida para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares, a ludoteca organizada polo departamento que dirixe Sonia Outón é tamén unha alternativa socioeducativa, de lecer e de apoio á infancia, e unha ferramenta para previr situación de vulnerabilidade e exclusión social dos máis cativos.
As familias interesadas poden consultar as bases da Ludoteca de Nadal no taboleiro de anuncios da web municipal, dende onde tamén poderán imprimir a solicitude de inscrición.











