Apróbase o proxecto de urbanización das zonas ao redor do futuro centro de saúde de O Couto e do Pazo de Xustiza
O Concello de Ourense resolveu hoxe en Xunta de Goberno Local (XGL) aprobar definitivamente o proxecto de urbanización ‘Remedios I’, a zona que rodea ao futuro centro de saúde de O Couto e ao novo Pazo da Xustiza, logo de desestimar a alegación dun particular. A actuación ten un orzamento de execución material de 700.000 euros, e con este trámite ábrese o proceso de adxudicación das obras.
Dentro dos asuntos de xestión urbanística, a XGL decidiu ampliar tres meses máis a resolución do expediente de expropiación forzosa da área de rehabilitación de As Burgas para darlle tempo a todos os interesados a presentar as alegacións oportunas. Este acordo, aprobado pola Xunta de Goberno Local celebrada esta mesma mañá, quere evitar a caducidade da resolución, que remataría o 1 de xaneiro de 2016. “A última alegación ao expediente aínda foi recibida onte no Rexistro do Concello malia que o prazo rematara o 10 de decembro, e estanse detectando dificultades para notificar”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Os funcionarios do Concello traballan para estudar todas as alegacións ao expediente, ás que haberá que engadir as posibles que se sumen neste novo prazo que se abre desde hoxe.
Pola súa banda, arquivouse o expediente de permuta forzosa para obter os terreos de Sistema Local de Zonas Verdes na Av. Otero Pedrayo, un trámite que vén de lonxe e que agora se arquiva dado que os terreos xa lle foron cedidos gratuitamente ao Concello.
Locais para asociacións de veciños
A Xunta de Goberno Local aprobou, por outra banda, novos expedientes para contratar, mediante procedemento aberto, arrendamentos de inmobles por catro anos (2016/2019) para a cesión do seu uso a 2 asociacións de veciños, Montealegre e Olimpo. O importe total destes arrendamentos a catro anos é de 36.272,52 € que se unen aos 179.752 € aprobados a pasada semana para oito asociacións.
Recoñecemento de débeda
Noutro dos puntos da orde do día, deuse conta dun expediente de recoñecemento de débeda de 8.547 euros. Así, aprobáronse facturas de provedores correspondentes a gastos realizados no exercicio 2014 que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación e que se afrontarán con cargo aos créditos orzamentarios de diferentes áreas.
Por último, a Xunta de Goberno Local tamén deu conta de catro expedientes referidos a licenzas urbanísticas, tres deles para a instalación de ascensores e outro para a rehabilitación dun edificio e, por outro lado, abordou un total de 8 notificacións de índole xurídica que afectan ao Concello.
Convenio con Abanca
Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno Local tratou dous temas: por unha banda, un convenio de patrocinio entre Abanca S.A. e o Concello de Ourense para a realización de actividades culturais nas Festas de Nadal.
Quendas da Policía Local
Pola outra, acordouse traspoñer o acordo adoptado pola Mesa Xeral de Negociación do Concello de Ourense en materia de horario da Policía Local para as seccións de Custodias, Seguridade Cidadá, Atestados, Motoristas e Distritos con adianto en media hora das quendas actuais, o que supón establecer o horario de mañá de 07:30 a 14:30 horas; de tarde de 14:30 a 21:30 horas; e de noite de 21:30 a 07:30 horas. A idea é “favorecer o desenvolvemento do servizo e prestarlle un mellor servizo aos cidadáns”, en palabras do alcalde.
Finalmente, e dado que vindeiros 24 e 31 de decembro son días festivos, decidiuse trasladar as Xuntas de Goberno aos días inmediatamente anteriores: mércores 23 e mércores 30 de decembro respectivamente.











