publicidade hoxe

Aprobado o reparto de 150.000 euros en axudas para as familias numerosas e os clubs deportivos de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o reparto de axudas para as familias numerosas do concello de Ames, así como para os clubs e asociacións deportivas municipais. Repartíronse 50.000 euros entre 20 asociacións e clubs deportivos e 99.600 euros entre 83 familias (37 aprobadas pola UTS de Bertamiráns e 46 aprobadas pola UTS do Milladoiro). En total, aprobouse o reparto de preto de 150.000 euros.

O obxectivo destas axudas é proporcionarlles apoio económico a aquelas familias cualificadas como numerosas pola consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, ou organismos análogos doutras comunidades autónomas. Os beneficiarios/as destas axudas son aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no municipio de Ames. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames, a través da concellería de Servizos Sociais, pretende axudar a aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos fillos.

Para iso a Xunta de Goberno Local acaba de aprobar a concesión destas axudas económicas tramitadas no ano 2015 e que se corresponden co ano natural 2014, que consisten no pagamento único de 1.200 euros por unidade de convivencia. Neste caso, repartíronse 99.600 euros entre 83 familias (37 aprobadas pola UTS de Bertamiráns e 46 aprobadas pola UTS do Milladoiro). 

Axudas aos clubs e asociacións deportivas

Ademais, 20 clubs e asociacións deportivas repartíranse 50.000 euros. Os clubs que obtiveron unha maior contía foron o Club de atletismo MillaRaio e o o Club de piragüismo Ribeiras do Tambre, que recibirán 7.043,80 euros cada un. A continuación aparecen o Club de patinaxe artística Omega, que percibirá 6.101,69 euros, e o Club Millarengo Cultura que obterá 4.930,66 euros.

A Sociedade de caza e pesca Azor, disporá de 3.708,56 euros; o Club de atletismo Sar terá 3.037,64 euros; o club de patinaxe Sarela recibirá 2.799,91 euros; e o club ciclista Ames percibirá 2.443,32 euros. Outros clubs e entidades deportivas que disporán dunha axuda municipal son o Buduído SR, o XL Milladoiro, a AD Val da Mahía; a Asociación Galega de ciclistas; o Don Budi CF; o Bugallido FC; o CF Agrón; o Club Atlético Bertamiráns; o CC Repeitiños da Capilla; o CB Ames; o Ortoño CF; e o CD Karate Ames.    

14 de decembro de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.