publicidade hoxe

Aprobado o PAS en Curtis que nun 60% recolle as propostas veciñais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

A Corporación de Curtis, aprobou hoxe, co apoio do PP e a abstención do Bloque, a proposta do Goberno local para o PAS provincial, Plan de Acción Social cuxo orzamento recolle este ano as solicitudes e suxestións presentadas polos veciños a través do plan de participación cidadá. O alcalde, Javier Caínzos, aclarou que o 60% do orzamento previsto, 184.273€ dun total de 307.121€, vai destinado a dar resposta ás propostas veciñais, que o Goberno local promocionou a través das asembleas e reunións cidadás.

O plan inclúe a reforma do edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, parques biosaudables, melloras nos campos de fútbol municipais e en varias rúas e camiños de Curtis, Teixeiro. Foxado, Fisteus e Santa Eulalia. 

O edil do bloque, Xosé Tomé, criticou que non se consultasen co seu partido as obras do PAS que financia a Deputación e puxo en dúbida que as actuacións incluídas sexan prioritarias, como os parques biosaludables ou a reforma do edificio de Usos Múltiples. Antonio Fraga, portavoz do PP, contestou que “o equipo de Goberno non recibiu ningunha proposta do BNG, que ten canles para presentalas”, e defendeu o PAS insistindo que responde a propostas dos veciños. “Os parques biosaludables contribúen a mellorar a saúde das persoas da terceira idade, o que nos pediron os veciños das zonas rurais, e é, ademais, a nosa aposta por tentar achegar os servizos municipais tamén ás parroquias”, alegou. En canto ao edificio de Usos Múltiples, aseverou que a súa reforma permitirá que poida ser mellor aproveitado e acoller máis actividades, “que foi o que nos solicitaron varios colectivos usuarios”.

Plan de Obras e Servizos

O pleno ordinario deu tamén luz verde, neste caso por unanimidade, ao Plan de Obras e Servizos provincial (POS), que inclúe a rehabilitación de camiños nas parroquias de Fisteus, Foxado e Santa Eulalia, por valor de 112.611€, así como da calzada que vai de Muradela a Sancibrá (Foxado), cun orzamento de 35.146€, que irá a conta do POS complementario.

FP para o IES de Curtis

A Corporación aprobou, ademais, de forma unánime, elevar á Consellería de Educación a proposta alternativa de Formación Profesional para o IES de Curtis para o próximo curso escolar. Esta proposta será levada tamén aos plenos dos concellos de Aranga, Frades, Mesía, Vilasantar, Boimorto e Sobrado, aos que Curtis conseguiu sumar a esta petición para manter a oferta educativa na área de cobertura do Instituto, de máis de 20.000 habitantes.

III Plan Municipal de Igualdade

A prórroga até finais de 2016 do III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades tamén saíu adiante cos votos a favor do PP e BNG.

Sobre o tema da Igualdade, deuse luz verde por unanimidade, ademais, a unha moción do PP para instar á Xunta a elaborar un plan de Igualdade específico para o ámbito educativo co fin de que sirva de referente en materia de coeducación e prevención da violencia de xénero. Tamén o BNG presentou unha moción solicitando que o Concello realice unha campaña de prevención da violencia de xénero no IES de Curtis e cos colectivos do municipio. O PP votou en contra porque, sostivo Antonio Fraga, “o Concello lévao facendo xa desde fai dez anos e sería pór en dúbida o gran labor que se está realizando desde o CIM e Servizos Sociais”.

9 de decembro de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.