Aprobada por unanimidade a proposta do goberno da Laracha para destinar os fondos do POS e PAS
O Pleno da Corporación municipal da Laracha reuniuse hoxe en sesión extraordinaria, alcanzando por unanimidade os acordos de aprobar as propostas do grupo de goberno local para destinar os fondos que lle corresponden ao Concello da Laracha da anualidade 2016 do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) e do Plan de Acción Social (PAS), programas promovidos pola Deputación da Coruña.
Con cargo a ambos plans percibiranse en total en torno a 828.000 euros (350.425,75 euros do POS e 477.853,31 euros do PAS), dos cales uns 653.000 euros serán destinados a actuacións de mellora da rede viaria municipal, con proxectos que afectan a estradas rurais situadas nos accesos ou nos propios núcleos de medio centenar de aldeas emprazadas en doce parroquias do municipio.
Os 175.000 euros restantes –en torno ao 50% do POS- reservaranse para gasto corrente municipal. José Ramón Martínez Barbeito, tenente alcalde que hoxe presidiu o Pleno tras escusar a súa ausencia José Manuel López Varela, explicou que “o Concello non precisa dese financiamento” pero o goberno local propuxo destinar o máximo permitido a gasto corrente porque “deste xeito liberaremos crédito procedente de fondos municipais que se destinará igualmente a actuacións de investimento e que terá unha tramitación moito máis sinxela que a que implica o POS, polo que as obras poderanse contratar e executar con maior celeridade”.
No caso do PAS, Martínez Barbeito afirmou que os proxectos afectan “a vías que dirixen a instalacións públicas como centros socioculturais e que comunican áreas residencias con prazas e lugares de reunións veciñais”.
En concreto, as obras que se acometerán con cargo ao POS e ao PAS no ano 2016 afectan as estradas situadas nos seguintes lugares:
– Cabovilaño: acceso a A Forxa e estrada en Nogán.
– Caión: A Pedreira.
– Coiro: Accesos a A Pedra, O Rapadoiro, O Igrexario e ao cemiterio e estradas de A Ferrulleira, Merelle, As Meneiroas e O Alto.
– Erboedo: Accesos a A Fraga e Godón e estrada en San Paio.
– Golmar: Acceso a As Orxeiras e estradas en Folgueiros, A Pedra, San Cristovo, As Talladas e A Fonteseca.
– Lemaio: Acceso a Villaviciosa, núcleos de Tuixe, A Teixoeira, A Fontaíña, Proame e Quenxe e vía de Oldán a A Estrada.
– Lendo e Cabovilaño: estrada A Xesteira-O Castro.
– Montemaior: Acceso a Ramiscal, núcleo de As Cernadas e estradas en San Fins e O Cebro.
– Soandres: Acceso a Compañeiro, núcleo de Vista Alegre e estradas en Condesuso, Paradela, Vilariño, O Pazo e O Corgo.
– Soutullo: estrada Novás-O Igrexario.
– Torás: Estradas en A Gándara e vía da CP-1913 a Ponte Martín.
– Vilaño: Núcleos de Os Meáns e Os Canedos, estrada en As Avieiras e vías Amboade-Ferreiros e Amboade-A Fraga.
Orzamentos 2016
José Ramón Martínez Barbeito, antes de levantar a sesión desexando unhas felices festas de Nadal aos membros da Corporación, anunciou que prevé “traer ao Pleno os orzamentos xerais do próximo exercicio antes do 31 de decembro”. Neste sentido salientou e recoñeceu o “gran esforzo” que están a realizar os funcionarios e persoal laboral adscritos aos departamentos de intervención, tesourería e servizos económicos.