Ánxela Franco presenta ás entidades a convocatoria do programa de axudas para servizos sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Representantes de máis de setenta entidades sen ánimo de lucro asistiron na sede da Deputación da Coruña á xuntanza na que a deputada responsábel da área, Ánxela Franco, presentou a nova convocatoria do programa de axudas en servizos sociais.

Máis de setenta representantes de entidades sen ánimo de lucro, en especial do seu persoal técnico, asistiron a unha xuntanza na sede da Deputación da Coruña na que a deputada da área, a nacionalista Ánxela Franco, xunto con varias técnicas do servizo, explicaron as novidades e escoitaron as súas indicacións sobre a nova convocatoria do programa de axudas de servizos sociais, do ámbito sociosanitario e tamén de igualdade.

A xuntanza deseñouse como un lugar de encontro no que se trasladaron as claves da xestión da nova convocatoria, en especial da utilización da plataforma dixital e da elaboración de proxectos ao tempo que desde a área de goberno se recollían as preguntas máis frecuentes e as suxestións do propio tecido de servizos sociais para mellorar no futuro o programa de axudas.

A deputada nacionalista, Ánxela Franco, anunciou tamén o novo plan que a Deputación botará a andar para a mellora de infraestructuras das propias entidades, unha iniciativa que buscará adaptar os centros aos novos requisitos que precisan para optaren a axudas públicas.

“A redución de subvencións nominativas permitiu que nesta edición se incrementen as cantidades das axudas que pasan a ser de 40.000 euros e tamén a posibilidade do novo plan de infraestructuras que é unha demanda e unha necesidade do sector”, explicou a deputada Ánxela Franco.

A finalidade da convocatoria, lembrou a deputada, foi “facer máis levadeira a xestión das subvencións co apoio técnico do servizo e escoitar tamén as suxestións para mellorar a convocatoria do ano que vén”. “Quixemos tamén coñecer as necesidades das entidades directamente, por meido das persoas que traballan directamente no ámbito dos servizos sociais”, sinalou Ánxela Franco que destacou tamén que o encontro serviu para “coñecérense as caras” as persoas que dinamizan día a día o labor das entidades da área.

15 de decembro de 2015 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.