Ana Pastor promete crear en Vigo un instituto tecnolóxico do transporte

Intervención de Ana Pastor
A ministra de Fomento e candidata do PP pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, prometeu este martes crear en Vigo un instituto tecnolóxico do transporte, “especialmente enfocado na alta tecnoloxía ferroviaria”. Así o avanzou durante a súa intervención nun almorzo coloquio organizado por Nueva Economía Forum, no que explicou que este centro tecnolóxico será “un nodo central” nun “val de innovación”. Para iso, sinalou que contará coa colaboración de institucións e empresas e, sobre todo, da Universidade de Vigo.
Precisamente, en relación coa alta velocidade ferroviaria, Ana Pastor reafirmou o seu compromiso coa chegada do AVE a Galicia en 2018, e repasou os investimentos do seu departamento nesta infraestrutura durante os últimos catro anos.
No caso de Vigo, sinalou que, cando chegou ao ministerio, o único que había da estación era “unha focha”, e reiterou a súa preocupación e a dos investidores pola anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal da cidade olívica e as consecuencias que terá no desenvolvemento da terminal do AVE.
Pastor lembrou que, en marzo, debe adxudicarse a construción da estación e urxiu ao goberno local de Vigo a achegar “garantías xurídicas” e, sobre todo, “prazos” para que non se poña en risco o investimento de 100 millóns de euros.
COORDINACIÓN AEROPORTUARIA
Por outra banda, a ministra e candidata tamén se referiu á situación dos aeroportos galegos e, no caso de Peinador, lembrou o investimento de 73 millóns de euros para que a terminal viguesa sexa “competitiva”. “Pero temos un pequeno problema: algunhas persoas non queren coordinarse, queren ir por libre, decidir co diñeiro de todos onde se dan as subvencións. E invéntanse destinos que non lle importan a ninguén”, apuntou, en alusión ao alcalde vigués, Abel Caballero.
Segundo Ana Pastor, algúns dos voos subvencionados polo goberno de Caballero “custaron 200 euros a cada vigués”, e subliñou que “a política de coordinación é outra, é a que queren Fomento e a Xunta”. “Queremos lealdade e non localismo, temos capacidade e actividade para todos os aeroportos galegos”, sentenciou.
DEBATE
No coloquio posterior á súa intervención, e a preguntas dos asistentes, Ana Pastor referiuse ao debate entre Mariano Rajoy e Pedro Sánchez deste luns: “O que vin foi un presidente que é presidente, e a un líder da oposición que non contou nada do que vai facer no futuro, e non foi capaz de defender o que fixo o PSOE cando gobernaba”.
“Cando non hai argumentos, hai insultos”, destacou, e defendeu a Mariano Rajoy, como a persoa “máis honorable e honrada” coa que traballou. “É unha persoa seria, honesta e responsable que o pasou mal, e que hoxe pode dicir ‘isto é o que puidemos facer'”, reflexionou Pastor, quen tamén destacou a “altísima preparación” do presidente e candidato á reelección.
Doutra banda, tamén a preguntas dos asistentes, Ana Pastor falou das supostas irregularidades cometidas por Gustavo de Arístegui e Pedro Gómez de la Serna. A ese respecto, limitouse a dicir que “é incompatible estar na vida pública e non ser honorable e honrado”, e os que non o sexan deben estar “fóra da vida política”.











