Ana Pastor: “Á política hai que vir coa lección ben aprendida”
A ministra de Fomento e candidata do PP pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, remarcou este xoves que “á política non se pode (ir) a aprender”, senón que hai que chegar “coa lección ben aprendida”.
“Isto non é un experimento, en política hai que chegar aprendidos, como vostedes non deixarían as súas empresas a alguén sen coñecemento”, trasladou durante un almorzo na Confederación de Empresarios de Pontevedra, con sede en Vigo, onde incidiu en que “complicado é que che represente alguén que non sabe dos temas da súa cidade, e menos de España”.
Así as cousas, apuntou que nesta campaña se está a falar do “novo”, pero a política e gobernar “non é cuestión de idade, senón de preparación, formación e saber do que estás a falar”. “Algún cre que pode pasar do estudo de gravación de televisión directamente á Moncloa”, ironizou.
No encontro presentou algunhas das súas propostas económicas, entre as que mencionou a garantía de unidade de mercado, fortalecer o mecanismo de cooperación entre administracións, facilitar a transmisión de empresas con risco de desaparecer, flexibilizar o réxime de autónomos, ascender o capital risco para novas empresas, e establecer fondos para proxectos de I+D.
Acompañada doutros membros da súa candidatura, Pastor tamén volveu aludir á súa proposta de crear un instituto tecnolóxico do transporte, un clúster “especialmente enfocado na alta tecnoloxía ferroviaria”, a través do que contarán cos “mellores tecnólogos do mundo” no ámbito satelital e das telecomunicacións, que son, afirmou, os da Universidade de Vigo.
Ademais, referiuse ás últimas propostas en materia de bonificacións na seguridade social e no IRPF, e avogou por loitar contra a morosidade, mellorar a contratación para que as pequenas e medianas empresas participen máis e teñan “menos dificultades para acceder” á contratación, e promover a internacionalización empresarial.
O FEITO
A candidata, que sinalou que é “a única” que nestes almorzos reparou no que “fixo Rajoy”, recordou que nesta lexislatura o Goberno se enfrontou a problemas sobre a situación económica, o naval, os retornados, e o ‘tax lease’ — no transcurso do almorzo coñeceuse a sentenza que anula a súa ilegalidade, resolución que valorou como “unha gran noticia” — .
Neste contexto, comentou que o que se fixo foi “abordar reformas” en distintos ámbitos, como a lei para a estabilidade presupostaria e a reforma laboral entre outra “batería de reformas”. “De perder 3,5 empregos, creouse un millón; creceu o consumo, a confianza, o emprego, os autónomos e a economía,”, reflexionou.
Así mesmo, fixo referencia aos investimentos en Galicia que permitiron levar a cabo o Eixo Atlántico, constituír a Autoestrada do Mar e baixar o custo da autoestrada de peaxe da AP-9 para que a volta sexa gratuíta. Non obstante, fixo fincapé en que “aínda hai moitos proxectos” por culminar na comunidade.
Pastor reparou en que no Congreso lle daban “látego” e a criticaban “porque só invertía en Galicia”, pero abundou en que os deputados populares se parecen bastante ao deputado inglés, quen “coñece o seu distrito, á súa xente e traballa para defender o seu territorio”. “Este partido seguirá sendo o de Vigo e Pontevedra”, rematou.
AEROPORTOS
Durante parte do seu discurso, Pastor arremeteu contra as estratexias aeroportuarias levadas a cabo polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e, en concreto aludiu ao concurso de promoción con aerolíneas que puxo en marcha para sumar destinos internacionais –que conseguiu Ryanair con rutas a Barcelona, Bolonia, Dublín, Milán e Edimburgo–.
En relación a iso, mantivo que estas iniciativas “distorsionan o mercado”, están a “interferir permanentemente no prezo” e ademais “non garanten os voos nin o prezo dos billetes”. “Un le cousas que non se axustan á realidade”, sentenciou, antes de ironizar: “¿cantos -pasaxeiros van- a ir a Bolonia ou Edimburgo?”.
Neste sentido, comentou que algúns políticos fan “propaganda co diñeiro público” e ao mesmo tempo están “a ver se insultan un pouco os que xestionan”. Igualmente, reflexionou que “se hai apoio ás compañías debería ser coordinado” e recalcou que o que hai que facer cos aeroportos non é variar o seu número senón “facelos eficientes e captar tráfico”.
“Algúns falan moito do aeroporto pero non fan nada”, dixo, en contraposición do que sinalou que o Goberno español fixo “obra”, baixou as taxas e reactivou aeroportos. “Fixemos un plan de austeridade aeroportuaria para axustar os custos”, comentou.
En relación a Vigo, a ministra tamén se referiu ás obras de acondicionamento da Avenida de Madrid, onde destacou que nos presupostos do Estado se dispuxeron 1,5 millóns de euros pero “Vigo puxo cero”. Neste marco, adiantou que pedirá a Caballero “que poña diñeiro” para esta infraestrutura.
AGRESIÓN A RAJOY
Estas declaracións producíronse no ‘Almorzo CEP Actualidade Empresa’ onde o presidente da Confederación de Empresarios, Jorge Cebreiros, trasladou a súa “repulsa pola agresión” ao presidente do Goberno e candidato á reelección, Mariano Rajoy, así como “calquera tipo de agresión a organismos de goberno ou calquera institución”.
No seu discurso, o presidente da CEP, que criticou especialmente que a agresión se producise na provincia de Pontevedra, felicitou a Rajoy pola súa reacción e a “mesura con que encaixou esa agresión”. Tras iso, trasladoulle de parte dos empresarios os mellores desexos e o ánimo “que todos os candidatos merecen”.
A continuación Pastor, agradeceu estas palabras “de cariño” cara ao presidente do Goberno e, como dixera previamente en declaracións aos medios, manifestou que de Rajoy segue “aprendendo tanto da súa serenidade e tranquilidade, mesmo cando sofre unha agresión”.











