publicidade hoxe

Ames investirá 400.000 euros en novas instalacións para o ocio e na mellora de varias infraestruturas deportivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O goberno municipal está traballando para crear novas áreas e instalación dedicadas ao ocio da veciñanza amesá, así como na mellora de varias infraestruturas deportivas. Para iso incluíronse varios proxectos no novo Plan de acción social (PAS) 2015 e do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2016, que convocou a Deputación Da Coruña. Nestes proxecto vanse a investir 379.572,67 euros.

Este xoves, 17 de decembro, ás 16:30 horas, vaise a celebrar un Pleno extraordinario para abordar e debater a participación do Concello de Ames no novo Plan de acción social (PAS) 2015 e do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2016, que convocou a Deputación Da Coruña.

A través do POS vaise a sufragar o proxecto de construción das gradas do campo de fútbol do Milladoiro que ten un custo de 91.536,56 euros. Na memoria do proxecto indícase que se pretende construír un espazo sobre-elevado e a cuberto dende o que se poidan seguir os partidos de fútbol. Trátase dun elemento homoxéneo cunha definición case unitaria e de formigón armado que se executará nunha superficie de 163,43 metros cadrados. Asemade, os espazos que quedan debaixo das propias gradas poderían ser acondicionados posteriormente como aseos, almacéns ou novos vestiarios.

No PAS incluíuse un proxecto para a construción de dous parques biosaudables en Bertamiráns e no Milladoiro que ten por obxecto o acondicionamento dunha zona verde para parque biosaudable a través da instalación dos seguintes equipos estandarizados no mercado: volantes, esquí, pony/remo, cintura, ascensor/pectorais, andador elíptico e barras fixas. A execución destes parques, que se pretenden instalar na contorna da Casa da Cultura do Milladoiro e do paseo fluvial de Bertamiráns, ten un custo de 30.475,02 euros. 

Ademais, a través do PAS vaise abordar a reparación dos solados, a mellora da accesibilidade e dos peches do complexo das piscinas públicas municipais no Milladoiro. Estas obras, que teñen un custo total de 175.730 euros, consisten fundamentalmente na reparación do chan do complexo onde están situadas as piscinas municipais descubertas do Milladoiro. Aproveitando esta circunstancia instalarase a correspondente canalización de saneamento con todos os elementos necesarios; derrubarase un pequeno muro que hai nesta instalación para construír no seu lugar unha rampla que permita comunicar a zona das piscinas coa zona verde; substituírase a malla de peche do complexo; e está previsto a instalación de dúas casetas dedicadas ao uso do servizo SOS e para instalar un quiosco de servizo aos usuarios/as da piscina.

Este mesmo proxecto tamén recolle a mellora da cancha que está situada ao lado das piscinas municipais descubertas do Milladoiro. O actual pavimento desta pista polideportiva foise deteriorando co paso do tempo, polo que se procederá a aplicar unha nova capa de formigón e instalarase a correspondente canalización de saneamento. Unha vez terminada a soleira pintarase unha pista de balonmán ou fútbol sala e de baloncesto. Tamén se procederá á substitución da actual malla de peche por unha nova e porase unha malla de aceiro nas zonas do fondo sobre ás porterías. 

O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, explica que “con estas actuacións preténdese crear unha área de ocio na contorna da Casa da Cultura do Milladoiro coa construción dun novo parque biosaudable e dun novo parque infantil accesible neste lugar, así como mellorar as instalación existentes como é o complexo das piscinas municipais descubertas e a pista polideportiva exterior”. Blas García tamén indica que “se atenden outras petición como son a construción dunhas gradas cubertas no campo de fútbol do Milladoiro e a mellora do parque infantil de Manuel Murguía”.  

Mellora do parque infantil de Manuel Murguía

Asemade, a través deste mesmo proxecto vaise a mellorar e substituír o actual pavimento de caucho reciclado do parque da praza de Manuel Murguía, que está nun alto estado de degradación. Instalarase un pavimento de baldosas elásticas de seguridade e protección fronte a caídas. A superficie de actuación é de 198 metros cadrados. 

Por último, acondicionarase unha sala de 23,70 metros cadrados, que se atopa no interior do pavillón polideportivo do Milladoiro, e que se adida a sala de spinning. As obras que se realizarán consisten na instalación dun chan de vinilo sobre o existente e a construción dunha mampara de aluminio e policarbonato que separe a devandita sala do resto do pavillón.

Ademais, no PAS complementario inclúese o proxecto de instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón de Bertamiráns que ten un presuposto de 81.831 euros. Neste caso instalarase un noso sistema de pavimento deportivo de madeira nunha superficie de 1.210 metros cadrados.

15 de decembro de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.