Alberto Lema presenta aos e ás praceiras o borrador das novas ordenanzas de mercados municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou esta tarde aos e ás representantes das praceiras dos mercados municipais da Coruña o borrador do anteproxecto das novas ordenanzas que regulan estes espazos públicos. A intención do Goberno local é que estas persoas, así como as entidades competentes na materia como asociacións de consumidorespoidan facer as súas achegas ao texto. Do mesmo xeito, os grupos da oposición tamén serán informados na Comisión de Economía Social que terá lugar mañá no Pazo de María Pita. Estas novas ordenanzas posibilitarán, entre outras cuestións, sacar a concurso as 50 prazas baleiras que actualmente se contabilizan nos mercados de titularidade municipal. “A aplicación destas ordenanzas posibilitará que se saquen a concurso estas prazas, en oferta pública, e non por método de subasta, por primeira vez dende o ano 1993”, indicou o concelleiro. “Unha das cousas que máis me sorprendeu cando cheguei a esta concellería foi, precisamente, o feito de que en anos anteriores, non se tomase esta decisión, existindo postos baleiros, a pesar de rexistrarse unha forte demanda deles”, comentou. “Esta é unha primeira medida no camiño para a revitalización dos mercados coruñeses, que chegaron a unha situación de parálise derivada dun longo período de desleixo no que non foron atendidos como se debía por parte dos anteriores responsables municipais”, indicou.

Estas novas ordenanzas virían a substituír as actuais, que datan no ano 2006. “Entre os cambios fundamentais que recollen, un dos máis importantes fundamentase en que os mercados municipais se rexerán polo dereito público e non polo privado”, comenta Lema. “Isto significa, entre outras figuras, que xa non haberá traspasos nin arrendamentos”, indica. Do mesmo xeito, habilítase unha cláusula pola que se suprime a figura do titular temporeiro ou precario uns 50 na actualidade, de xeito que todas as persoas que teñen a concesión dunha praza pasarán a ser titulares de pleno dereito.

O responsable de Emprego e Economía Social tamén salienta que, unha das principais novidades recollidas no borrador do anteproxecto das novas ordenanzas baséase na supresión do procedemento de subasta á hora de adxudicar as concesións das prazas baleiras. “Agora, pasarán a outorgarse por un procedemento público de concurso, polo que se terá en conta tanto a oferta económica como o proxecto”, destaca Lema. Para estas novas prazas establecerase un período de concesión improrrogable de 20 anos. Ademais (e sempre referido ao proceso de concurso das 50 prazas actualmente baleiras), os e as praceiras non poderán resultar adxudicatarias de máis dun posto.

Máis alá do concurso público das prazas baleiras nos mercados municipais, as novas ordenanzas que se preparan tamén indican que “os mercados serán xestionados de xeito preferente polo Concello”. “Desta forma, trataremos de que non se volvan a repetir situacións como, por exemplo, as vividas no mercado de Santa Lucía”, apunta o representante municipal. Por outro lado, e na liña programática de facilitar a participación da cidadanía nas tomas de decisión, establacerase unha Comisión Social dos Mercados, formada tanto por representes municipais como por praceiros e praceiras que estudará todas as medidas que pretendan levar a cabo para revitalizar estes espazos. “O impulso aos mercados é un compromiso deste Goberno que foi refrendado no propio Pleno municipal e no que xa levamos dado numerosos pasos dende que chegamos”, di Lema.

Neste momento, co borrador do anteproxecto de ordenanzas xa elaborado pola Concellería de Emprego e Economía Social, o texto estase dando a coñecer tanto aos e ás praceiras como a outras entidades implicadas na materia, para que fagan as súas aportacións. “Ábrese por tanto un período de emendas co obxectivo de poder levar estas novas ordenanzas a pleno nos primeiros meses do ano que vén, e posibilitar, canto antes, a saída a concurso das prazas baleiras”, resumiu o concelleiro Lema.

21 de decembro de 2015 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.