Ábrese o prazo de inscrición para os e as cidadás que desexen participar como figurantes na Cabalgata de Reis da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña abrirá na mañá deste mércores, 16 de decembro, o prazo de inscrición para todas aquelas persoas que queiran participar como figurantes na Cabalgata de Reis que percorrerá as rúas da cidade o próximo 5 de xaneiro.

Nesta edición, aqueles e aquelas que desexen apuntarse poderano facer a partir das 09.00 horas de mañá a través da web municipal ( www.coruna.es ) e no website da Concellería de Culturas ( www.coruna.es/cultura ). Esta convocatoria é de participación libre e, como principal novidade esta edición, as máis de 350 prazas que ocuparán os e as figurantes serán adxudicadas por sorteo, garantindo o principio de igualdade nesta convocatoria.

O período de preinscrición rematará ás 20.00 horas do venres, 18 de decembro. Os e as solicitantes deberán encher un formulario no que darán os seus datos de contacto e darán autorización para que a súa imaxe poida ser empregada mentres participe na Cabalgata. As persoas que desexen colaborar na Cabalgata como figurantes optan a dúas categorías: as de participantes que irán como ‘séquito a pé’ e os que irán sentados. Os e as figurantes que irán sentados deben ser nenos e nenas que, a data 1 de xaneiro de 2016, teñan unha idade comprendida entre os 6 e os 10 anos. O total de prazas ofertadas nesta modalidade é de 278, entre figurantes de carroza e figurantes de trens.

O ‘séquito a pé’ estará conformado por 90 figurantes. Serán os paxes reais que vaian diante das tres carrozas dos Reis Magos. A esta categoría pódense inscribir todos e todas as cidadás que a 1 de xaneiro de 2016 teán máis de 10 anos de idade.

Nesta edición, e na busca dun maior principio de igualdade entre os e as participantes, o Concello, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) recollerá, por orde de recepción, as solicitudes presentadas na páxina web municipal, asignándolles a cada unha delas un número. Posteriormente, para determinar a localización dos e das figurantes, realizarase un sorteo (que tamén servirá para adxudicar prazas en caso de que as solicitudes excedan a oferta dispoñible). O sorteo terá lugar o luns 21 de decembro, ás 10.00 horas, no Fórum Metropolitano. Así, adxudicaranse as prazas correlativamente a partir do número resultante no sorteo.

Os e as figurantes sentadas ubicaranse na carroza de Baltasar, Melchor e Gaspar, en catro carrozas municipais e en catro trens, mentres que o ‘séquito a pé’ distribuirase entre os paxes dos tres Reis Magos.

Unha vez finalizada a adxudicación, comunicaráselle ás persoas interesadas mediante correo electrónico ou por teléfonoa súa situación na cabalgata, así como a información necesaria para participar nela: lugar e horario de presentación do día 5 de xaneiro e horario e forma de recollida dos e das menores na praza de María Pita, unha vez finalizada a Cabalgata.

15 de decembro de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.