Abanca entrega 150 instrumentos musicais a un colexio da Coruña dentro do proxecto ‘ReSuena’
A entidade financeira Abanca entregou un lote de 150 instrumentos musicais ao CEIP Alborada, daCoruña, dentro do proxecto social ‘Abanca ReSuena’, promovido pola Orquestra Sinfónica de Galicia. O director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de Abanca, Miguel Ángel Escotet, e a directora de Responsabilidade Social Corporativa, Tatiana Suárez, asistiron á entrega dos instrumentos, no colexio de Elviña.
No acto, tamén estiveron presentes o xerente da OSG, Andrés Lacasa; o director artístico do proxecto, Diego Zecharies, e unha vintena de alumnos e alumnos que asisten actualmente ás clases no Centro Cívico de Monte Alto.
Coa entrega deste lote de instrumentos, Abanca dá “un paso máis, segundo a entidade, no citado proxecto, ampliando a iniciativa que se desenvolve neste centro cívico ao colexio de Elviña.
No encontro, o grupo de escolares, que forman parte da Orquestra Sinfónica Abanca ReSuena, demostraron as habilidades musicais adquiridas durante as sesións formativas e intercambiaron impresións con outros alumnos presentes no acto.
ESTIMULAR A APRENDIZAXE
Na súa intervención, Miguel Ángel Escotet destacou que o banco apostou por este proxecto dende os seus inicios porque entende a música “como unha ferramenta única para a integración e tamén para o estímulo da aprendizaxe dun xeito lúdico e diferente”.
Ademais, remarcou que axuda a transmitir “valores fundamentais para Abanca como a dedicación, o traballo duro, a busca da excelencia e a superación artística”.
O proxecto Abanca ReSuena foi ideado pola OSG co obxectivo de promover o crecemento e o desenvolvemento dos nenos e novos “a través do traballo grupal e individual, favorecendo a unión entre as diferentes capas da sociedade”, segundo a entidade financeira.
Ao respecto, subliña que “a práctica musical conxunta permite desenvolver habilidades sociais para relacionarse e poder superar problemas de comportamento, ao tempo que facilita o desenvolvemento das súas aptitudes individuais”.
O programa, de carácter gratuíto, comezou a funcionar no centro cívico municipal de Monte Alto en 2014 e, con el, preténdese implicar a nenos e novos de 5 a 17 anos de idade, dos diferentes barrios da Coruña.











