A Xunta urxe ao Concello de Vigo a iniciar a modificación puntual para avanzar no proxecto da estación intermodal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Rolda de prensa de Helena de Lucas e Ignacio López-Chaves

Rolda de prensa de Helena de Lucas e Ignacio López-Chaves

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa para informar dos avances administrativos que a Xunta de Galicia está a dar no proxecto da estación intermodal de Vigo.

A Administración autonómica ven de adxudicar o contrato do servizo para a redacción do proxecto básico e de execución da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Vigo por un importe de 248.640,72 euros e un prazo de execución de 9 meses. Deste xeito, e coma informou a directora xeral, no mes de setembro do vindeiro ano 2016 “estaría finalizado o proxecto construtivo do que será a futura intermodal”. Ademais, explicou que mesmo nos orzamentos do vindeiro ano xa se inclúe unha partida para licitar as obras. Sen embargo, e ante a sentenza do Tribunal Supremo que anula o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 2008, informou de que para levar a cabo este trámite é preciso que o ordenamento sexa o correcto. “O proxecto ten que estar finalizado en setembro e despois faltaría supervisalo e aprobalo, pero para a súa aprobación é preciso que sexa acorde coa ordenación”, explicou Helena de Lucas, polo que, coma dixo, “é imprescindible que ese PXOM estea xa modificado”.

Neste senso, López-Chaves agradeceu a aposta da Xunta de Galicia polo transporte de pasaxeiros entre distintos modos de transporte e, sobre todo, pola vontade do Goberno galego para que “Vigo sexa a primeira cidade de Galicia en contar cunha estación intermodal”. “A aposta está clara no orzamento, no proxecto e no compromiso para os vindeiros anos”, valorou o delegado, pero sen esquecer que a sentenza que anulou o PXOM afecta ao proxecto. “Falta o planeamento pola sentenza do Tribunal Supremo”, dixo sinalando a continuación o “dano” que supuxo para a cidade “a decisión política que tomou no seu momento Abel Caballero e María José Caride por razóns electorais”. Sen embargo, explicou que a solución tamén está nas mans “dos causantes” e, neste caso, pasaría por iniciar canto antes unha modificación puntual do PXOM do 1993, “o instrumento máis áxil e rápido para por solución ao problema que nos afecta agora mesmo”, especificou o delegado seguindo así a tese que a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, ofreceu hai uns días na Delegación. E preguntouse se dende o Concello de Vigo e a Concellería de Urbanismo xa teñen iniciados os trámites para poder levar a cabo o proxecto. “Pregúntome se xa iniciou ou ditou a resolución para incoar a modificación puntual do PXOM do 93 para poder executar a estación intermodal. Levamos 10 días desde que se coñeceu a sentenza e está en mans de Caballero e Caride buscar unha solución”, informou, polo que lle pediu que “traballen e xestionen” e inicien “con axilidade” a modificación puntual para este ámbito que, ademais, afecta tamén aos accesos. “O proxecto de accesos e estación intermodal debe ser obxecto dunha tramitación a través dunha modificación puntual que debería estar xa en marcha, que non se perda nin un día máis”, pediu finalmente López-Chaves.

É por isto polo que tanto o delegado coma a directora xeral urxiron esta tramitación para que os prazos da redacción do proxecto e da modificación puntual do ámbito sexan paralelos e poder executar así o proxecto da estación intermodal sen problemas. Para o vindeiro ano 2016 o investimento consignado pola Xunta de Galicia para este proxecto é de 1,3 millóns de euros -314.000 euros para o proxecto e 1 millón para a execución das obras- sendo o orzamento total de case 11 millóns de euros en partidas plurianuais.

Ademais, as partidas consignadas polo Goberno galego para a estación intermodal de Vigo proceden de Fondos Feader para o período 2014-2020 polo que, coma coma explicou Helena de Lucas, “están limitados no tempo”. “É urxente para Vigo que teñamos o ordenamento do territorio preciso”, deixou claro a directora matizando que para o ano 2020 “ten que estar finalizada a estación”. As previsións da Xunta pasarían por ter rematada a obra no ano 2018.

9 de decembro de 2015 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.