A Xunta traslada a Vigo a posición dos concellos da área metropolitana tras concluír a rolda de reunións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O director xeral de Administración Local, Alberto Pazos Couñago, acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantivo hoxe unha reunión co concelleiro de Fomento de Vigo, David Regades, e co concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Carlos López Font, aos que lle trasladou a posición dos outros trece concellos da Área Metropolitana de Vigo, cos que se reuniu nas pasadas semanas. Durante a reunión, o representante autonómico constatou a existencia de achegamentos en termos xerais sobre varios dos asuntos que determinan a posta en marcha efectiva da área metropolitana, aínda que todavía existen diferenzas en cuestións como é a gobernanza e o voto ponderado; o sistema de financiamento, así como na representatividade do Concello de Vigo contida no texto da lei actualmente.

A principal discrepancia actualmente está constituída pola negativa do Concello de Vigo a formar parte do Plan de Transporte Metropolitano, que xa está en marcha na súa área, nos mesmos termos que os demais concellos e integrando o transporte urbano. Neste senso, o director xeral de Administración Local trasladou aos representantes municipais a postura da meirande parte dos concellos da área no sentido de que a posta en marcha efectiva da área metropolitana ten que incluír ao concello de Vigo no transporte metropolitano. Alberto Pazos destacou a disposición ao traballo entre ambas a dúas administracións, aínda que lamentou que non estivera presente o alcalde, así como os outros representantes doutros grupos con representación municipal.

Ao respecto, o director xeral concretou que trataría de manter unha reunión cos grupos municipais a vindeira semana. Unha vez culminados estes encontros, a Xunta mantén aberto o diálogo co obxectivo de consensuar un documento sobre o que que se debaterá na seguinte fase da negociación, xa nunha reunión con todos os alcaldes.

Conclusións das xuntanzas

A primeira das conclusións que se extraen das trece xuntanzas mantidas ata o momento é o convencemento profundo da maioría dos participantes sobre a necesidade de constituír de maneira efectiva a Área Metropolitana de Vigo, da que se derivarían importantes vantaxes para o conxunto da cidadanía.

Para acadar ese obxectivo, compre alcanzar un amplo consenso en torno a catro cuestións fundamentais que constituíron o núcleo esencial do debate. En primeiro lugar, a Gobernanza, debéndose atopar un punto de equilibrio nas demandas de representación de concellos de moi distinto peso poboacional. En segundo lugar, o financiamento, respecto ao que se demanda o mantemento da formula prevista no texto da Lei 4/2012, que garante a proporcionalidade das achegas realizadas polos concellos para o sostemento dos sistemas xerais da AMV.

O terceiro punto a consensuar é o relativo ao transporte metropolitano, ao considerar que constitúe o primeiro servizo básico que debe prestar a Área metropolitana, e que en si mesmo, xustifica a súa existencia. Por último, a coordinación institucional, reclamando da Xunta e da Deputación Provincial un compromiso inequívoco no proceso de transferencia de competencias que deberán acompañarse dos recursos financeiros que as sustentan.

3 de decembro de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.