publicidade hoxe

A Xunta licitará a execución de beirarrúas e aparcadoiros no treito que une a entrada a Vilasantar co novo cemiterio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilasantar
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Vilasantar

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Vilasantar

A Xunta licitará nos vindeiros días a execución de beirarrúas e aparcadoiros no treito que une a entrada a Vilasantar co novo cemiterio, cun investimento de preto de 295.000 euros. A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, o convenio de colaboración para a realización destas obras.

Vázquez explicou que tras a execución da estrada que une Betanzos e a localidade pontevedresa de Agolada, a AC-194 converteuse no acceso ao núcleo urbano de Vilasantar, rexistrando un tráfico eminentemente local.

Esta vía dispón, na actualidade, de beirarrúas na zona sinalizada como travesía, pero non no treito entre a zona urbana e o novo cemiterio. Por iso, e para dar resposta ás necesidades de mobilidade dos veciños de Vilasantar, vaise actuar no treito da estrada comprendido entre o cemiterio e a entrada á vila. 

O proxecto contempla a construción de beirarrúas pola marxe dereita; unha banda de aparcadoiro pola marxe esquerda; e tamén se habilitarán dúas zonas de aparcadoiro no entorno da estrada, no centro da travesía de Vilasantar, o que evitará o aparcamento indebido que se vén producindo nas marxes da estrada. 

A conselleira indicou que unha vez rematadas as obras, a titularidade da AC-194 neste treito será transferida ao Concello. 

A titular de Infraestruturas salientou que estas actuacións reflicten a interese por atender as demandas dos veciños de Vilasantar e a aposta da Xunta por mellorar a rede viaria dos concellos galegos e por proporcionarlle maior seguridade e comodidade ao conxunto dos usuarios.  

21 de decembro de 2015 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.