publicidade hoxe

A Xunta licita as obras da senda peonil e ciclista na estrada PO-308 en Sanxenxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSanxenxo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación das obras da senda peonil e ciclista na estrada Pontevedra- A Lanzada (PO-308), ao seu paso polo concello de Sanxenxo, por un valor de preto de 3,2 millóns de euros. Estas obras contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Coa publicación do anuncio da licitación hoxe no DOG ábrese un período de 26 días naturais a partir de mañá para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas na execución das obras, polo que o prazo remata o día 2 de xaneiro.

O propósito fundamental da actuación é o de fomentar un tránsito peonil e ciclista nesta estrada, que se encadra dentro da rede primaria complementaria da Xunta de Galicia. Posibilitarase o acceso mediante estas alternativas de mobilidade sostible a praias como A Lanzada, ao espazo natural do complexo intermareal Umia – O Grove ou ao xacemento arqueolóxico de A Lanzada, nas condicións axeitadas de seguridade viaria.

Actuarase nun treito de 2,77 quilómetros da estrada PO-308, situado no Concello de Sanxenxo, dende Soutullo (PK 25+200) á glorieta de conexión coa VG-4.1, na Lanzada (PK 27+970).

Nese treito executarase unha senda para uso peonil e ciclista de mellora da seguridade viaria para compatibilizar o tráfico rodado co peonil e o ciclista. Actuarase en especial nas interseccións, habilitando puntos nos que se permita o cambio de sentido; construíndose unha glorieta no PK 25+260, na zona da praia de Portomouro; e habilitando e ordenando zonas de aparcadoiro.

A Xunta, mediante este proxecto, dá resposta a unha demanda solicitada polos veciños da zona, mantendo así o seu compromiso co medio ambiente e a seguridade viaria. Neste sentido, incrementarase a calidade de vida dos cidadáns impulsando o desenvolvemento económico e social deste concello pontevedrés. Cabe citar que estas obras, unha vez finalizadas, beneficiarán máis de 17.600 habitantes do concello de Sanxenxo, e aos seus visitantes.

7 de decembro de 2015 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.