A Xunta iniciará as obras de mellora do trazado da estrada Fene-Mugardos o vindeiro ano
A Xunta iniciará o vindeiro ano as obras de mellora do trazado da estrada Fene-Mugardos (AC-133) para incrementar a súa seguridade. Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, ao alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, nunha xuntanza de traballo.
A conselleira explicou que nas próximas semanas comezarase a información pública do proxecto construtivo para a mellora do trazado desta infraestrutura viaria.
Vázquez concretou que o Goberno galego financiará estas actuacións para as que se destinará unha achega económica de preto de 200.000 euros.
O proxecto consiste, fundamentalmente, na rectificación do trazado e na ampliación dos radios das dúas curvas sucesivas existentes en Fonte Grande (nos pk’s 9+820 e 9+870).
Trátase dunha obra moi demandada, unha reivindicación histórica dos veciños que xa fora trasladada polo alcalde en anteriores ocasións. Neste sentido, a conselleira indicou que a Xunta segue a traballar para dotar aos galegos de infraestruturas viarias máis seguras e máis cómodas.