A Xunta inicia o trámite de información pública do proxecto de sendas peonís no treito entre Laraño e Vidán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta inicia o trámite de información pública do proxecto para dotar de sendas peonís o treito que une Laraño e Vidán con Santiago, na estrada AC-543.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de senda peonil, na estrada Santiago-Noia (AC-543), así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

O citado proxecto de construción sométese ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles, contados a partir de mañá, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións relativas á concepción global do trazado da estrada.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, prevé realizar para o vindeiro ano 2016 unha achega económica de preto de 600.000 euros para a execución destas actuacións, e materializaranse con cargo á partida orzamentaria de fomento da mobilidade sostible urbana e interurbana recollida no proxecto de Orzamentos da comunidade para 2016.

O obxecto deste proxecto é a construción dun itinerario peonil seguro e accesible que permita a circulación de peóns pola marxe dereita da citada estrada, entre os PQ 0+000 e 2+000, nas parroquias de Laraño e Vidán, comunicando estes núcleos con Santiago de Compostela.

O inicio da actuación sitúase na parroquia de Vidán, concretamente na glorieta que une a estrada coa Avenida da Mestra Victoria Míguez e a Rúa Ponte Vella.

No tramo no que se actuará localízase un elevado número de vivendas e negocios, o que ocasiona un significativo tránsito de peóns que actualmente circula pola beiravía. Neste sentido, as accións proxectadas mellorarán a súa seguridade viaria, fixándose como punto básico a construción dun itinerario ao longo de 2 km na marxe dereita e dous pequenos tramos na marxe esquerda, co fin de separar o tráfico rodado do peonil.

2 de decembro de 2015 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.