A Xunta destina no ano 2016 máis dun millón de euros aos novos ARIS de Vigo
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves Castro, informou na rolda de prensa da cantidade que recibirá Vigo no próximo ano 2016 para as Areas de Rehabilitación Integral que xestiona o IGVS.
López-Chaves manifestou que ademais desta partida, que permitirá intervencións de rehabilitación de edificios e vivendas de particulares nas zonas mencionada de Bouzas, Casco Vello, Santa Clara e Coia; o Consorcio do Casco Vello, con recursos propios, ten en marcha proxectos de rehabilitación por máis de 2 millóns de euros. A esta cantidade habería que sumar medio millón de euros procedente do ARI Casco Vello.
As partidas dos ARIS destínanse nunha cantidade de 373.391,60€ a Coia, de 78.153 € a Santa Clara, de 167.320€ a Bouzas e de 431.124€ ao Casco Vello.
O delegado territorial en Vigo, destacou a xestión da Xunta de Galicia na consecución de fondos do Plan de Vivendas do Estado coa finalidade de recuperar e rehabilitar zonas e entornos da cidade de Vigo.
“A Xunta de Galicia apostou por este proxecto coa intención de recuperar o patrimonio urbano”, manifestou López Chaves.
A inversión de fondos públicos da Xunta de Galicia no casco histórico de Vigo a través do consorcio do Casco Vello é de dous millóns de euros para proxectos de rehabilitación e reconstrución de edificios, e de preto de medio millón de euros a través do ARI do Casco Vello.
Esta decidida aposta inversora da Xunta e do Consorcio do Casco Vello, permitirá acadar a excelencia dun entorno que no novo ano celebrará os seus dez anos de vida.











