A Xunta de Goberno Local da Coruña aproba as tarifas de bus para o 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores, entre outros asuntos, as tarifas do Transporte Urbano Colectivo de Viaxeiros para o ano 2016, sen que se rexistre incremento algún con respecto ás aplicadas durante este 2015. O regulamento de funcionamento deste servizo, desenvolvido pola Compañía de Tranvías, recolle que a concesionaria pode solicitar a revisión dos prezos que correspondan anualmente. Non obstante, en distintas xuntanzas coa concesionaria, o Concello propuxo “manter para o exercicio 2016 as tarifas aprobadas para o ano 2015, axustándose na medida do posible o seu importe ao poder adquisitivo dos e das usuarias co obxecto de fomentar o uso do transporte público”.

Desta forma, a Xunta de Goberno Local deu luz verde as tarifas de Transporte Urbano Colectivo de Viaxeiros para o 2016 sen incremento algún respecto das aplicadas durante 2015, fixando o prezo do billete ordinario en 1,30 euros, ademais das aportacións do Concello, os e as usuarias e á Universidade aos distintos billetes, en concreto, a Tarxeta Xeral, a Tarxeta Social e a Tarxeta Universitaria, que manterán tamén o seu prezo.

En concreto, os e as usuarias da Tarxeta Xeral aboarán 0,85 euros por traxecto (aboando o Concello 0,45 euros) mentres que na Tarxeta Social, os e as viaxeiras pagarán 0,33 euros, mentres que a Administración local aportará 0,97 euros. A Tarxeta Universitaria tamén manterá o seu prezo. Así, nas primeiras 188 viaxes, o Concello aboará 0,52 euros, fronte aos 30 céntimos dos e das estudantes. No resto de viaxes, a aportación será de 0,45 e 0,85 euros respectivamente. En ambos os dous casos, o importe a aboar por parte da Universidade da Coruña (UDC) será de 0,48 céntimos.

Ademais da revisión do prezo das tarifas de transporte urbano, a Xunta de Goberno Local, entre outras cuestións, tamén aprobou o proxecto de mellora da eficiencia enerxética do alumeado público da Ronda de Nelle, incluído dentro do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS 2016) da Deputación da Coruña, no que o Concello da Coruña colabora.

16 de decembro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.