A Xunta considera as modificacións puntuais do Plan do 93 como opción máis viable para os proxectos prioritarios de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press
Rolda de prensa de Encarnación Rivas e López Chaves

Rolda de prensa de Encarnación Rivas e López Chaves

A Xunta de Galicia considera as modificacións puntuais do plan urbanístico de Vigo de 1993 (agora en vigor tras a anulación do PXOM de 2008 por parte do Tribunal Supremo) como alternativa máis viable para que se poidan desenvolver proxectos prioritarios na cidade, mentres se tramita un novo Plan Xeral.

Así o manifestou a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, quen apuntou que, en todo caso, o modelo urbanístico ten que ser decidido polo propio Concello. Non obstante, instou o goberno local a que se tomen as decisións da forma máis áxil posible para que a cidade poida contar cun novo plan “en 24 meses”.

Sobre a posibilidade de que se declarase a incidencia supramunicipal dalgún proxecto, para que fose a Xunta a que asumise o seu desenvolvemento, Rivas precisou que ese mecanismo se utiliza cando os concellos non actúan ou fan renuncia dalgunha das súas funcións.

A secretaria xeral descartou que esta vía puidese axilizar máis os proxectos, xa que a tramitación dun novo Plan Xeral e a de declaración de incidencia supramunicipal son “case idénticas”. Non obstante, insistiu, as modificacións puntuais dun plan xa existente poden resolverse en “6 ou 8 meses”, xa que teñen unha avaliación ambiental simplificada e requiren menos informes sectoriais.

“TODA A COLABORACIÓN”

Rivas volveu expresar a disposición da Xunta de Galicia de ofrecer “toda a colaboración” técnica para axudar ao Concello na tramitación do novo Plan Xeral, un documento que deberá contar con Avaliación Ambiental Estratéxica (da que carecía o PXOM do 2008) de forma “inescusable”. “Esta avaliación non debe verse como un obstáculo senón como unha garantía”, engadiu.

Por outra banda, recordou que o novo plan deberá ter en conta toda a normativa nova que entrou en vigor dende 2008 e a nova Lei do Solo galega, que será unha realidade nos primeiros meses de 2016. Esta última normativa beneficiará ao Concello na elaboración do novo documento urbanístico, en tanto que simplifica a tramitación e unifica os informes sectoriais.

Finalmente, Encarnación Rivas recoñeceu que a Xunta de Galicia non esperaba unha sentenza de anulación por parte do Tribunal Supremo, “en absoluto. “A sentenza foi unha sorpresa tremenda e compartimos con Vigo a desolación”, apuntou.

REUNIÓN CON COLECTIVOS

A delegación territorial da Xunta en Vigo acolleu este venres unha reunión, presidida por Encarnación Rivas e polo delegado, Ignacio López Chaves, con representantes de diferentes partidos e colectivos da cidade, acerca da situación urbanística xerada tras a anulación do PXOM.

No encontro estiveron presentes o xuíz decano, Germán Montañés; representantes do Colexio de Avogados, do de Arquitectos, do de Aparelladores; o de Enxeñeiros; da Asociación Provincial de Empresas da Construción (APEC); da Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios (Aproin); de Cámara de Comercio, o Porto e Zona Franca; Partido Popular; e Marea de Vigo.

Ignacio López-Chaves mostrou a súa “preocupación” pola ausencia do grupo municipal socialista, malia a “situación de emerxencia” na que está o urbanismo e o desenvolvemento social e económico da cidade.

4 de decembro de 2015 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.