A Xunta concede a autorización para a implantación dun centro comercial en Vilagarcía de Arousa
A Xunta vén de conceder a autorización comercial autonómica ao proxecto de implantación dun centro comercial con hipermercado Alcampo promovido por Metalgráfica Gallega, S.A no concello de Vilagarcía de Arousa. A Dirección Xeral de Comercio resolveu autorizar este proxecto tras verificar o cumprimento de todos os requisitos urbanísticos, medio ambientais e de accesibilidade esixidos pola normativa vixente.
O proxecto conta co informe favorable da Comisión Consultiva do Comité Executivo de Comercio Interior, na que están representados ademais de diferentes organismos da Administración autonómica, a Fegamp e o Consello Galego de Consumidores e Usuarios.
A normativa vixente fixa un procedemento obxectivo e regulado para a obtención da autorización comercial autonómica que precisan os establecementos de máis de 2.500 metros cadrados. Unha vez recabados todos os informes e constatado o cumprimento de todos os requisitos determinados pola lei a Xunta acaba de proceder á súa autorización.
O proxecto para a implantación dun centro comercial en Vilagarcía de Arousa deberá agora obter os permisos correspondentes por parte do Concello.











