A Xunta avoga pola cooperación para mellorar a presenza das pemes galegas en mercados exteriores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe na Coruña, durante a súa intervención na apertura do I Foro de internacionalización da Peme, a cooperación e as sinerxías xeradas no intercambio de experiencias entre empresas exportadoras e empresas con potencial e vocación de exportar, como unha das claves para mellorar a presenza internacional das pemes galegas.

Aguilera tamén destacou no foro, organizado no ámbito da cooperación aberta entre AJE Galicia e o Igape, que esa interacción é “especialmente relevante” para as novas empresas, que poden aprender da experiencia das que teñen consolidada a súa presenza noutros mercados. No coloquio participaron empresas exportadoras, en proceso de internacionalización e con potencial para exportar.

Segundo salientou Aguilera, tanto para os novos empresarios, como en xeral para as pemes, a cooperación con outras empresas é fundamental para avanzar con máis seguridade no ámbito internacional, sexa aprendendo da experiencia ou compartindo custos e riscos en proxectos colectivos. O director do Igape apuntou, así mesmo, o amplo abano de servizos e apoios que a Xunta pon a disposición das empresas galegas que buscan iniciar ou consolidar a súa presenza noutros mercados, que pode incluír a colaboración de expertos especializados en temas internacionais, a través da Rede Galega de Mentores.

Aguilera Navarro salientou, por último, que as exportacións galegas, que medraron un 4,4% ata setembro, con respecto ao mesmo período do ano anterior, están a actuar “como un dos motores de crecemento da actividade económica en Galicia”. Lembrou que as liñas de actuación da Estratexia de Internacionalización inclúen a promoción da cultura da internacionalización, como un dos eixos de traballo para avanzar neste ámbito, favorecendo a presenza nos mercados exteriores e atraendo investimentos estranxeiros cara a Galicia.

A Estratexia de Internacionalización da Emprega Galega 2020 busca conseguir que as exportacións galegas medren nun 25% e cubran o 40% do PIB en 2020, así como acadar incrementos do 25% tanto na cifra das empresas exportadoras como no volume de investimentos estranxeiros captados.

4 de decembro de 2015 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.