A vicepresidenta do Goberno asegura que Rajoy está ben e non denunciará
A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, asegurou este xoves que o presidente Mariano Rajoy se atopa ben tras ser golpeado onte por un mozo de 17 anos en Pontevedra. “Vai seguir a súa axenda con normalidade. Eu creo que se puxo un pouquiño de xeo e xa está”, indicou.
Sáenz de Santamaría descartou, ademais, que Rajoy curse denuncia contra o agresor, menor de idade e que foi detido minutos despois do puñazo. “Isto non debería acontecer pero é unha cuestión que xa ten que decidirse noutras instancias”, dixo.
En declaracións dos medios pouco antes do inicio dun almorzo informativo do ministro de Xustiza, Rafael Catalá, a presidenta insistiu en que Rajoy foi moi claro este mércores tras sufrir a agresión “a este respecto” e reiterou que continuará cos actos de campaña e seguirá a axenda prevista sen ningún cambio.
O mozo foi detido polos axentes de seguridade en Pontevedra tras dar golpear en plena rúa da súa cidade de orixe o presidente do Goberno, ao que tirou os lentes ao chan. A agresión produciuse sobre as 18.50 horas, cando o xefe de filas do PP se achaba con outros dirixentes populares ao lado da Igrexa da Peregrina, nunha céntrica praza de Pontevedra.
Tras ser reducido polo equipo de seguridade do presidente, o novo agresor foi retido nunha inmobiliaria onde, segundo explicaron aos medios os seus traballadores, asegurou que tiña 17 anos (dato que confirmou a Policía). As testemuñas presenciais do arresto explicaron que o agresor xustificou a súa acción aludindo aos “recortes” e a “corrupción” cos que relacionou ao PP e a Rajoy.











