A Radio Conta axuda os refuxiados
(A Radio Conta 3.0) A Radio Conta chega á súa terceira edición. Sete emisoras públicas e privadas da Coruña (Radio Galega, RNE, Radio Coruña-Cadena Ser, Onda Cero, COPE, Radio Voz e Radio Marca) volven unirse nunha iniciativa pioneira pola solidariedade. O sábado 26 de decembro, dende a Fundación Barrié da Coruña, emitirán tres horas de radio (de 17:00 a 20:00h) por unha causa solidaria.
(Axuda os refuxiados) A complicada emerxencia humanitaria vivida este 2015, coa crise migratoria en Europa e no Mediterráneo fixo que este ano A Radio Conta tivese claro a que debía adicar esta edición. Así, a axuda os refuxiados, a inminente necesidade de acollida e as historias de familias que fuxiron de países en conflito para atoparen un porvir serán o fío condutor do programa do día 26.
(Ecos do Sur) A axuda a entidades benéficas de carácter local vén sendo un dos obxectivos de A Radio Conta, e desta volta, o proxecto proponse colaborar a prol de Ecos do Sur, que ten a axuda aos refuxiados entre as súas liñas de traballo. Atendeu a persoas procedentes de países como Siria, Cuba, Congo, Costa de Marfil, Irán, territorios Saharauís, Colombia, Ucraína, Kirguistán, Camerún, Chad, Venezuela, Gambia ou Líbano. Pero tamén moitos outros cidadáns de territorios en conflito, que chegan á nosa cidade na en busca dunha vida segura e normal: xente de Malí, Ruanda, Serra Leoa, Burkina Faso, El Salvador, Afganistán ou Albania, por exemplo.
Ecos do Sur axuda a estas familias no complicado camiño de obter o recoñecemento como refuxiadas ou, simplemente, permisos para vivir e traballar. Faino a través do ensino da lingua española, axilizando o labirinto de trámites para acadar asistencia sanitaria ou axudas sociais, facilitando o acceso a un emprego e mesmo con apoio psicolóxico para axudarlles a se sobrepoñer de situacións traumáticas. A resolución de solicitudes de asilo demórase ata cinco anos nalgúns casos.
(25 anos de traballo) O ano que vén, Ecos do Sur cumprirá 25 anos de incansable labor polo colectivo inmigrante pero tamén por vítimas de trata, parados de longa duración, familias en risco de desafiuzamento… todo con solucións ambiciosas e innovadoras a situacións complicadas. A entidade ten sedes na Coruña (na Agra do Orzán) e Madrid, e opera tamén a nivel internacional no ámbito da cooperación. Desde o seu nacemento, atende a máis de 15.000 usuarios regulares e ten ducias de miles de beneficiarios.
(A festa das radios) A Radio Conta 2015 volverá contar con actuacións musicais de primeiro nivel e con persoeiros da vida social, deportiva e política galega que, sempre nun ton desenfadado e de humor, farán as delicias dos que decidan compartir con nós estas tres horas de programa solidario. A iniciativa pretende homenaxear tamén á radio local, a máis próxima ao oínte.
Volverán estar ao pé ou detrás do micrófono ducias de profesionais das sete emisoras da Coruña participantes, encabezados por Moncho Viña, que repetirá como condutor e presentador do programa.
A Radio Conta 2015 poderase escoitar en calquera das frecuencias locais das radios participantes e nas súas emisións en Internet. Os que queiran vivilo en directo teñen a posibilidade de acudir á propia Fundación Barrié.
(Como colaborar) Calquera achega é benvida e a iniciativa está aberta ás achegas de institucións e empresas. Ecos do Sur necesita un apoio especial para poder seguir o seu labor, nos seguintes aspectos:
1) Axuda económica para manter servizos como o CIAI, o servizo de atención xurídica especializada en estranxeiría, que resolvía máis de 2.000 consultas ao ano. A falta de financiamento obriga a mantelo en suspenso. Mais tamén periga o gabinete de saúde mental, que cada ano prestaba atención psicolóxica de balde e de calidade a cen persoas en desarraigo, con síndrome de estrés postraumático, etc. A ONGd alerta ademais da falta de fondos para servizos imprescindibles como a mediación cultural ou o programa de microcréditos a interese cero para persoas en exclusión.
2) Cheques intercambiables por produtos e servizos que non cubren as axudas de emerxencia: produtos de bebé para nais sen recursos, arranxos dentais básicos, bonos de transporte a lugares de formación ou traballo, lentes… estas cuestións, ás veces, convértense na clave que separa a unha persoa en exclusión de conseguir un emprego, o máis necesario para a súa integración
3) Produtos ou servizos para mellorar as instalacións da entidade e poder ofrecer así a mellor atención aos seus miles de usuarios.
Proporemos ademais a creación dun banco de tempo para que as persoas interesadas podan exercer como voluntarios para axudar aos beneficiarios desta entidade de xeito puntual.
O día 26 haberá venda de camisetas e outros produtos na fundación Barrié, así como unha furna para recoller donativos dos asistentes. Quen queira colaborar na fila 0, pode realizar as súas achegas á conta corrente de Ecos do Sur: ES76 2100 2725 2802 0003 4085 (La Caixa)











