A propiedade da Casa do Castro comunica que comezará coa limpeza do edificio esta semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A actual propietaria do edificio abandonado na Praza Martín Gómez Abal,no Castro, iniciará esta mesma semana os traballos de limpeza previos á consolidación do edificio, tal como lle foi requirido polo Concello. Os representantes da empresa Técnicas de Vidrio Transformado S.L. comunicaron ao alcalde que a previsión e iniciar os traballos mañá ou pasado, cumprindo deste xeito o requirimento municipal de iniciar a actuación antes de que rematase o ano.

A comunicación chega despois da visita que técnicos da empresa realizaron hai unhas semanas á cidade para concretar cos técnicos municipais o xeito de realizar as obras recollidas no proxecto elaborado pola Oficina Municipal de Rehabilitación e que xa conta coa autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia. Esta semana comezará coa limpeza e baleirado do inmoble no que se amorean escombros e lixo, para posteriormente acometer os traballos de consolidación.

A execución do proxecto de consolidación, limpeza e apeo está valorado en 60.000 euros que a propietaria se comprometeu a asumir.

Compre salientar que o edificio con fachadas á Praza Martín Gómez Abal e á Avenida da Mariña (fronte a Peixería) sufriu numerosos desprendementos da fachada, as paredes corren risco de caer e o tellado xa se desplomou. De feito, o Concello tivo que pechar a calexa lateral que une ambas rúas ante o risco de desprendementos. Ademais, o interior da edificación e un foco insalubre no que se acumula lixo e entullos.

14 de decembro de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.