publicidade hoxe

A peonalización dunha parte da rúa Principal e da rúa Joaquín Loriga comeza este martes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

Mañá, día 22 de decembro, comeza o proceso de peonalización de Lalín, co peche ao tráfico da rúa Principal e da totalidade da Joaquín Loriga. Hoxe, dende as 15.00 horas, comezaron a retirarse os coches dos citados viarios, que quedarán definitivamente pechados á circulación dende mañá ás 08.00 horas. No mesmo día e á mesma hora,está previsto que se reabra o parking Aldea Grande ao público en xeral, despois da súa adquisición por parte do Concello. Non obstante, hoxe ás 20.30 horas, realizarase unha reapertura simbólica á que están convidades tanto medios de comunicación como veciños e veciñas.

Sentido da circulación

A rúa Calvo Garra será de baixada -tal e como está agora mesmo- e cambiarase o sentido da saída cara a rúa Principal. Esta decisión tomouse tras ser consensuada con veciños, hostaleiros e comerciantes da zona, que a viron como a mellor opción. Desta maneira o tráfico pasará a saír cara a dereita  en dirección á Fonte dos Cabalos, con aparcamentos nunha das marxes. O acceso de vehículos autorizados ás rúas peonís sería pola Joaquín Loriga, en sentido contrario ao actual, con saída cara a praza da Igrexa e rúa Colón.

Por outra banda, a circulación pola rúa Colón -na zona non peonil- e pola Praza do Concello, vieiros que se encontran a carón da futura Biblioteca Municipal, será dun único sentido. En concreto, permitirase que os vehículos roden en dirección de baixada e inhabilitarase o carril de subida.

Parada de taxis

A esta parte non peonil da rúa Colón trasladarase a parada de taxis que ata o de agora se emprazaba na Praza da Torre. Este lugar foi elixido a petición do propio gremio de taxistas, que decidiron estacionarse en sentido de subida, con saída ás rúas Ramón Aller e Matemático Rodríguez. Deste xeito, os taxis serán os únicos vehículos autorizados a circular en sentido ascendente por esta calzada. Para realizar o cambio de parada, empregados municipais comezaron esta mesma mañá a sinalizar o espazo. En días próximos tamén trasladarán a cabina telefónica que lles dá servizo. 

Valado para limitar o acceso

O peche ao tráfico das rúas principal e Joaquín Loriga non conlevou a realización de ningunha obra; tan só a colocación dun valado na intersección das rúas Principal e Calvo Garra e que será a que limite o acceso de coches. Con este sistema, de peche e apertura moi sinxelo, tamén se garante que o acceso de vehículos autorizados se poida realizar sen dificultades.

Carga e descarga

Mantéñense os mesmos horarios de carga e descarga (polas mañás de 09.00 a 12.30 horas e polas tardes de 16.00 a 18.30) e as zonas habilitadas a tal fin, polo que a peonalización non lle provocará ningún problema loxístico aos establecementos da zona. Ademais -durante as primeiras semanas e á espera de que culmine ao proceso de adaptación ao novo entramado urbano- haberá flexibilidade no control das paradas por carga e descarga.

Vehículos autorizados

Está autorizada a entrada de taxis e de vehículos de emerxencia, que sempre contarán cun carril de 3,5 metros de ancho para poder desenvolver as súas funcións sen impedimentos de ningún tipo.

Colocación de terrazas

Para garantir que se cumpren estas medidas de seguridade, as terrazas que se habiliten nas rúas beneficiadas pola peonalización terán que situarse as terrazas situaranse nun só lateral da calzada. Conforme á nova ordenanza de terrazas, se ocupan a calzada, deberán, habilitar unha tarima.

Parking Aldea Grande, horarios.

O parking Aldea Grande reabrirá mañá ao público de xeito definitivo ás 08.00 horas. O seu horario habitual de domingo a xoves será de 08.00 a 22.00 horas. Pola súa parte, venres e sábados, a instalación abrirá as 24 horas para facilitarlle o aparcamento aos cidadáns que se acheguen a desfrutar do ocio nocturno. O xoves día 24, con excepcionalidade, o parking pechará ás 19.00 horas, debido á celebración de noiteboa.

Parking Aldea Grande, prezos.

O estacionamento de vehículos será totalmente gratuíto ata a primeira semana de xaneiro, momento no que entrará en vigor a nova ordenanza fiscal que regulará as taxas a pagar aparcadoiro. Esta normativa establece que ata o 29 de febreiro os primeiros 90 minutos de aparcamento serán sempre gratuítos. A partir desa data aplicaranse as tarifas establecidas con carácter xeral pola prestación do servizo, que serán de 1 euro á hora, aínda que se tarifará por minuto consumido segundo a normativa vixente. Contémplanse, ademais, outras modalidades distintas de utilización do servizo de aparcamento, como o abono mensual a 30 euros ao mes ou os vales expedidos para comerciantes que estes poderán facilitar aos seus clientes como medida de promoción do comercio local.

Sinalización parking

Haberá abundante sinalización do parking, pero non só no centro, senón noutros puntos de Lalín, sobre todo nos puntos de entrada á vila, para que a os vehículos que veñan de fóra vaian derivados dende o inicio cara o parking.

21 de decembro de 2015 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.