A oposición volve a pedir a dimisión de Baltar por “ética”
O caso da denuncia interposta contra o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, por ofrecer, supostamente, un traballo a cambio de sexo volveu este mércores ao pleno do Parlamento, onde os grupos da oposición pediron de novo a dimisión do presidente provincial por “ética” e o BNG puxo o dúbida a decisión de arquivar o caso do fiscal xefe de Ourense, “instrumentalizado polo PP”.
Foi a deputada do Bloque Tereixa Paz quen presentou unha proposición non de lei para reclamar ao Goberno o “cesamento inmediato” de Manuel Baltar como presidente da Deputación de Ourense, así como a apertura dunha investigación por parte da Secretaría Xeral de Igualdade sobre o caso.
Neste sentido, Paz recordou durante o debate que os deputados non están “para facer un xuízo penal”, senón para analizar “comportamentos políticos”. Así, vinculou a petición de dimisión de Baltar á necesidade de que a “ética” sexa “un elemento esencial” para os que exercen a vida política.
Para a deputada nacionalista, este é “un caso de corrupción”, por un lado, e de “acoso sexual”, por outro, o que supón “unha manifestación da violencia de xénero”. “Do que coñecemos, que non foi desmentido en ningún momento, é que había un acordo que concorda coa definición de corrupción” apuntou Tereixa Paz en relación a supostas promesas de modificar notas de oposicións, ao tempo que indicou que se trata tamén dun “caso de violencia de xénero, de flagrante violación dos dereitos sexuais dunha muller”.
Dende que esta cuestión entrou no Parlamento, explicou a deputada, “hai elementos novos”, como a dimisión en bloque do comité de ética da Deputación tras apuntar que Baltar “non desmentiu ningún dos feitos” nin “aclarou a situación”. “En Ourense solo falta por dimitir Baltar”, recalcou Paz, para quen a decisión do citado comité obedece ao “fedor que salgue da Deputación Provincial”.
Tereixa Paz referiuse tamén á “exemplaridade” na actuación dos cargos públicos da que fala o código ético da Xunta e pediu aos deputados populares que, “se de verdade queren un partido limpo e con compromiso pola transparencia”, votasen en favor desta iniciativa, algo que non se produciu.
DECISIÓN DA FISCALÍA
Na súa quenda, a deputada popular Paula Prado criticou a petición de dimisión de Baltar alegando que se descoñece “o contido da denuncia” e acusou a oposición de “ditar xa unha sentenza condenatoria sen darse os primeiros pasos dun procedemento penal”.
Nesta liña, Prado recordou a decisión da Fiscalía de Ourense de arquivar esta denuncia, asegurou que “non hai nin un só feito probado” e pediu que non se fale de “responsabilidades” mentres “non se demostre que as acusacións son certas”.
Paula Prado reiterou que o PP non se pronunciará “ata que o fagan as instancias xudiciais” e garantiu o seu compromiso coa “presunción de inocencia”. “¿Escoitaron algún membro do grupo do PP presentar a unha iniciativa sobre o exministro de Xustiza socialista que estaba imputada por un delito de violencia de xénero?”, preguntou Prado en referencia a Juan Fernando López Aguilar, a denuncia da cal foi finalmente arquivada. “E alegrámonos de que ao final a verdade devolvese a honorabilidade danada a esta persoa”, sentenciou.
Non obstante, Tereixa Paz rexeitou empregar o arquivo do caso por parte da Fiscalía como argumento para non reclamar responsabilidades “políticas”. A maiores, puxo en dúbida “a credibilidade” en xeral da Fiscalía de Ourense, á que acusou de estar “instrumentalizada polo Partido Popular, e do fiscal xefe en particular, o que afecta “unha estreita relación co hipódromo da Deputación de Ourense”.
A OPOSICIÓN VOLVE PEDIR A DIMISIÓN
Aínda que a iniciativa foi rexeitada cos votos do PPdeG, os grupos da oposición apoiaron a petición de dimisión de Manuel Baltar, facendo fincapé na necesidade de asumir “responsabilidades políticas” máis alá das xurídicas.
Neste sentido, a deputada do Grupo Mixto Carmen Iglesias asegurou que o caso é de “tal envergadura” que non comprende como “Baltar, polo ben da democracia, non dá un paso adiante e posiciónase sobre a autoría” das gravacións incluídas na denuncia. “Non lle importa o seu partido, nin o exercicio da política, só lle importa aferrarse ao trono”, criticou.
Ao mesmo tempo, acusou o Partido Popular en conxunto de “mirar para outro lado” e de ser “cómplice” deste “comportamento”, algo que vinculou ás “represalias que teme dende esa familia”.
Pola súa banda, o deputado de AGE Antón Sánchez reclamou a Manuel Baltar “explicacións” sobre as gravacións feitas públicas e que se posicione sobre “se son verdadeiras ou non”. “Non negou os feitos porque, sinxelamente, son certos”, apuntou Sánchez, quen criticou a actitude do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “defendendo o señor Baltar e as súas accións”. “O PP só está preocupado polo desgaste electoral por este caso”, denunciou.
Na mesma liña, o deputado socialista Raúl Fernández cualificou esta cuestión de “repugnante”, “vergonzosa” e “insoportable para a democracia” e sinalou que, tras saír á luz, non debería “durar máis de 24 horas, por decisión propia ou por decisión imposta”.
“Este proceso permanece vivo porque os máximos dirixentes do PPdeG lle dan cobertura e inmunidade política ao agresor imitando aquel ‘Se forte, resiste”, dixo Raúl Fernández en referencia aos SMS do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, ao extesoureiro do PP Luis Bárcenas. Concluíu a súa intervención criticando que a Deputación de Ourense se utilizara nos últimos anos como “unha oficina sectaria de contratación”.











