A OMIX de Ames organiza un curso de break-dance
Os mozos e mozas amesáns que estean interesados en introducirse no break-dance, ou aqueles que o practiquen e queiran progresar e aprender novas técnicas en boa compañía poderano facer a partir do 12 de xaneiro. O vindeiro 21 de decembro abre o prazo de inscrición para a Escola de break-dance, unha iniciativa enmarcada no programa de promoción da cultura urbana, organizado polo Concello e coordinado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
A Asociación Vella Escola é a encargada, unha vez máis, de acompañar aos rapaces e rapazas no descubrimento do break-dance, un baile cada vez máis practicado en Galicia. Os membros de Vella Escola teñen unha ampla experiencia na organización de obradoiros e eventos relacionados con distintas disciplinas: o graffiti, o break-dance ou o rap.
Este curso arrincará o 12 de xaneiro e prolongarase ata o 16 de xuño. Para facilitar a asistencia creáronse dous grupos diferentes, un por cada núcleo urbano amesán. Os martes, de 18:30 a 20:00 horas, o obradoiro impartirase na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que os xoves, á mesma hora, será na Casa da Cultura do Milladoiro. As inscricións pódense realizar na OMIX, chamando ao teléfono 616 083 229 ou enviando un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.org. Poden participar na actividade rapaces e rapazas a partir dos doce anos.
O break dance ou b-boying é un tipo de baile urbano ligado á cultura hip-hop, moi enerxético e cada vez máis practicado en Galicia. A súa práctica permite non só practicar deporte fortalecendo o corpo e mellorando a coordinación, senón tamén mellorar o sentido do ritmo e fomentar a creatividade.
Os rapaces e rapazas amesáns aprenderán os piares básicos dos movementos do break-dance, así como a idear en grupo as coreografías. O traballo en grupo permite que os participantes se motiven entre si, potenciando habilidades sociais como o traballo en equipo e o respecto mutuo.











