publicidade hoxe

A Obra Social “la Caixa” colabora con 30.000 euros co Concello de Carballo e outras cinco entidades en proxectos con fins solidarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Obra Social “la Caixa” achega un total de 27.600 euros para colaborar con seis proxectos sociais para beneficiar a veciños e veciñas de Carballo e a súa contorna. Afaber, Vieiro, Un paso máis, Aspaber, Cáritas e os Servizos Sociais do Concello de Carballo repartiranse esta cantidade para realizar “un traballo non sempre visible, pero fundamental”, en verbas do Director de área de negocio de “la Caixa” na Coruña, José Manuel Caamaño. Afaber destinará 4.800 euros ao desenvolvemento do programa “Paraugas alzheimer”; Vieiro outros 4.800 ao desenvolvemento de programas de prevención e de loita contra a drogadicción; Un paso máis 3.000 euros para realizar actividades a prol da integración e do deporte adaptado; Aspaber 5.000 euros para realizar reformas nas cociñas das instalacións; Cáritas 3.000 euros para axudar ás persoas máis necesitadas; e os Servizos Sociais do Concello 7.000 euros para axudar a colectivos en risco de exclusión social.

Caamaño manifestou, como veciño de Cee, sentirse “orgulloso” de poder facer entrega oficial destas axudas e quixo agradecer no seu nome, e no de todos os seus compañeiros e compañeiras o traballo das entidades confiando en que estas achegas “vos fagan máis levadeiro o día a día”. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, agradeceu que por segundo ano consecutivo la Caixa colabore en Carballo con “entidades que traballan por facer unha sociedade máis xusta” e, nomeadamente, “cos Servizos Sociais do Concello para seguir atendendo tantísimas necesidades”.

Ferrero tamén expresou, nun acto no que estiveron presentes representantes de todas as asociacións que se benefician destas axudas, a súa “satisfacción por ver como esta entidade financeira apoia a este exemplar tecido asociativo” que atende “non só a persoas de Carballo, senón tamén da comarca, de toda a Costa da Morte e mesmo alén das fronteiras da Costa da Morte, como é o caso de Aspaber”. O cura párroco Don Xosé García Gondar expresou o agradecemento de Cáritas e tamén de todas as entidades beneficiarias, regalándolle a José Manuel Caamaño un exemplar do seu último libro, “50 anos dun cura feliz”, no que recompila as súas vivencias no 50 aniversario da súa ordenación.

18 de decembro de 2015 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.