A mellora da estrada PO-308 en Sanxenxo suporá a execución dunha senda peonil e ciclista e 167 prazas de aparcadoiro
A mellora da estrada PO-308 en Sanxenxo desde Soutullo á glorieta de conexión coa VG-4.1, na Lanzada supón a execución dunha senda peonil e ciclista e 167 prazas de aparcadoiro. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, reuniuse hoxe co alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita.
O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a licitación destas actuacións por un valor de preto de 3,2 millóns de euros. Estas obras contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
O propósito fundamental da actuación é o de fomentar un tránsito peonil e ciclista nesta estrada, que se encadra dentro da rede primaria complementaria da Xunta de Galicia. Posibilitarase o acceso mediante estas alternativas de mobilidade sostible a praias como A Lanzada, ao espazo natural do complexo intermareal Umia – O Grove ou ao xacemento arqueolóxico de A Lanzada, nas condicións axeitadas de seguridade viaria.
Actuarase nun treito de 2,77 quilómetros da estrada PO-308, situado no Concello de Sanxenxo, desde Soutullo (PK 25+200) á glorieta de conexión coa VG-4.1, na Lanzada (PK 27+970).
Nese treito executarase unha senda para uso peonil e ciclista de mellora da seguridade viaria para compatibilizar o tráfico rodado co peonil e o ciclista. Traballarase en especial nas interseccións, habilitando puntos nos que se permita o cambio de sentido; construíndose unha glorieta no PK 25+260, na zona da praia de Portomouro; e habilitando e ordenando zonas de aparcadoiro, tal como se citou.
Ethel Vázquez trasladoulle ao alcalde de Sanxenxo que as obras executaranse minimizando a afección ao tráfico, período no que este municipio ten unha elevada afluencia de visitantes.
A Xunta, mediante este proxecto, dá resposta a unha demanda solicitada polos veciños da zona, mantendo así o seu compromiso co medio ambiente e a seguridade viaria. Neste sentido, incrementarase a calidade de vida dos cidadáns impulsando o desenvolvemento económico e social deste concello pontevedrés. Cabe citar que estas obras, unha vez finalizadas, beneficiarán máis de 17.600 habitantes do concello de Sanxenxo, e aos seus visitantes.
A responsable de Infraestruturas da Xunta de Galicia comunicoulle tamén ao alcalde que, no vindeiro ano, licitaranse a redacción dos proxectos de construción da continuación da senda ata Sanxenxo e a mellora de varias interseccións.











