A Marcha Mundial das Mulleres esixe ao Partido Popular o cesamento de Manuel Baltar

Denuncia da Marcha Mundial das Mulleres
A Marcha Mundial das Mulleres pediu este mércores o cesamento inmediato no seu cargo do titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, así como o fin do que denominou como “campaña de criminalización” contra a muller que presentou unha denuncia contra o tamén presidente do PP ourensán por supostamente ofrecerlle un traballo a cambio de sexo.
Ademais, 28 colectivos sumáronse ao comunicado lido este mércores ás portas da Deputación Provincial pola Marcha Mundial das Mulleres, entidade que loita desde fai 15 anos polos dereitos da muller, baixo o lema ‘O persoal é político’.
Deste xeito referíronse ás palabras do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que a pasada semana volveu insistir en cualificar a denuncia de tema “persoal” e en demandar a desvinculación deste caso da súa actividade política á fronte da Deputación.
A portavoz da Marcha Mundial das Mulleres, Ximena González, pediu ao Partido Popular “unha postura clara contra a violencia machista e o acoso sexual”.
“SOLICITUDE DE FAVORES DE NATUREZA SEXUAL”
En relación ás declaracións do presidente da Deputación Provincial, lembrou que a propia Lei de Prevención da Violencia de Xénero de Galicia recoñece como unha forma de acoso sexual “a solicitude de favores de natureza sexual na que o suxeito activo se prevale dunha situación de superioridade laboral co anuncio de causarlle un mal causado ou baixo a promesa dunha recompensa ou un premio”.
Por iso, a Marcha Mundial das Mulleres demandou ao PP galego “que proceda ao cesamento inmediato do actual presidente da Deputación de Ourense”, así como ao cesamento “da campaña de criminalización da denunciante e que deixe actuar á xustiza libremente”.
Ximena González quixo facer chegar á denunciante “todo” o seu “apoio”, á vez que reclamou o seu “dereito a expresar e non ser xulgada” pola súa acción xudicial.
“DESCULPAS PÚBLICAS”
Neste sentido, a Marcha “esixe” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unhas “desculpas públicas polas declaracións nas que sinalou a inexistencia do delito por non conseguir a denunciante o seu emprego, restando importancia ao feito da existencia da promesa que puido ser empregada como presión para violentar a liberdade sexual da denunciante”, subliña.
Ademais, os colectivos ourensáns asinantes do comunicado demandan á Xunta que proceda a exercer de acción popular no caso de que se abra proceso xudicial derivado da denuncia presentada contra Manuel Baltar no xulgado.
Por parte da plataforma de entidades asinantes insistiuse no acoso sexual “non pode ser tratado só como unha cuestión relegada á esfera doméstica, senón que constitúe un problema social e como tal debe afrontarse”. En especial, apuntaron ao ámbito público, para esixir o “maior rigor” á hora de tratar denuncias relacionadas con representantes públicos nunha institución.
“A sociedade debe demandar das autoridades todos os esforzos para esclarecer calquera circunstancia relacionada con denuncias sobre violencia machista, e máis sabendo que en moitos casos non tomar en conta os testemuños das mulleres que os sofren leva a terribles consecuencias, como poden ser os asasinatos”, rematou a portavoz da Marcha Mundial das Mulleres.











