A limpeza das rúas peonís de Vilagarcía esténdese á praza da Constitución, Alameda e Baldosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A campaña extraordinaria de limpeza das rúas peonís entrou esta semana na segunda fase. Despois de actuar na mazá do casco vello composto polas rúas Rey Daviá, Méndez Núñez e Romero Ortiz, o persoal de Cespa realizou xa traballos de eliminación de verdín e branqueado do enlousado da Praza da institución e na actualidade estase a operar na Alameda e na Rúa A Baldosa.

A Concellería que dirixe Lino Mouriño promove e coordina a campaña na que colabora a empresa concesionaria do servizo de limpeza. O obxectivo desta actuación é obxectivo limpar os solados de pedra das zonas peonís que presentan unha imaxe mellorable debido ao verdín e musgo que medra favorecido pola humidade que se mantén en rúas especialmente estreitas ou sombrías.

Para recuperar o estado orixinal da pedra estase a utilizar un produto especial branqueador que se bota a man, mediante regadeiras e que, despois de deixar actuar durante un tempo, se retira baldeando auga. Esta primeira actuación permitirá retirar o verdín existente e branquear a pedra. Ademais de mellorar a estética e imaxe das rúas, que se verán máis limpas, tamén se evitará a creación de zonas esvaradizas.

Unha vez realizada esta labor, aplicarase un líquido específico para o tratamento de espazos urbanos que protexe as superficies impedindo o crecemento de microalgas ou fungos como verdín, líquens ou musgo. Con isto conséguese que as rúas duren máis tempo limpas e en bo estado e que as labores de mantemento non teñan que ser tan continuadas.

A campaña estase a compatibilizar coa labor diaria e habitual de Cespa, aproveitando a dispoñibilidade de persoal, polo que os traballos realízanse en xornadas alternativas e ou en horario nocturno coa brigada de noite de Cespa.

Tan pronto como se remate a limpeza da Baldosa e a Alameda, a previsión é continuar polas rúas peonís que bordean o xardín de Ravella.

16 de decembro de 2015 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.