publicidade hoxe

A “I Concentración de Food Trucks de Ferrolterra” reunirá na Praza de Galicia a cinco restaurantes móbiles

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

A Praza de Galicia acollerá esta fin de semana a primeira edición da “Concentración de Food Trucks de Ferrolterra”. A convocatoria enmárcase na programación de actos do Nadal do Concello, que este ano achegará o fenómeno “food truck” á localidade cunha gran oferta gastronómica que poderán degustar os veciños e veciñas mañá e o domingo, en horario de 11.00 a 23.00. Nesta ocasión haberá cinco “food trucks” chegados de diferentes puntos de Galicia e España.

“Comecamiños food truck” é un dos vehículos que, procedentes de Ourense, ofrecerá hamburguesas elaboradas con carne de boi galego, tenreira cachena e porco ibérico, entre outros alimentos, como arroz con leite artesán. Outro dos restaurantes móviles que participa nesta convocatoria é “Tacos del Rey”, de Asturias, con comida tex-mex condimentada con sabores fortes, saborosas e picantes salsas típicas de platos mexicanos. A oferta complétana “Arros i Tartana”, de Valencia, cunha proposta de arroces e comida típicos desa Comunidade e, “Catuxa”, unha modalidade de fusión asiática. No apartado de postres, “Madalenasdecolores”, que tamén desde Asturias participará nesta concentración con cupcakes, cookies, brownies e moitos outros doces que se poderán degustar estes días.

A convocatoria complétase con outras actividades a desenvolver na Praza de Galicia esta fin de semana con motivo do programa deseñado polo Concello para as festas de Nadal, como o Concerto instrumental de panxoliñas no que actuará a agrupación Son do Ar –mañá ás 12.00 horas- a “VII Xornada Moteira Solidaria do Moto Club Fojeteirtos” –tamén mañá, con saída ás 16.00 horas da Praza de Galicia e chegada de Papá Noel ás 17.00- e a visita dos Minions, cos que se poderán fotografiar os nenos e nenas –o domingo a partir das 12.00 e ata as 14.00 horas-.

18 de decembro de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.