A Fundación de Deportes incrementa un 33% a partida de axudas para a organización de eventos e torneos extraordinarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Consello Reitor da Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía reúnese o mércores para proceder a aprobación do Presuposto do organismo para o ano 2016. A principal novidade para o vindeiro exercicio é o incremento dos fondos destinados subvencionar o deporte federado e, especialmente, a partida de axudas á organización de eventos e torneos extraordinarios que se eleva un 33% respecto ao ano anterior.

Nos primeiros presupostos que elabora, o presidente da Fundación, Argimiro Serén, deixa patente a súa intención de aumentar o apoio económico directo que o organismo público presta aos clubs da localidade nas dúas liñas de subvención que convoca anualmente. A partida de axudas ao deporte federado increméntase en 2.000 euros; mentres que o fondo para colaborar no financiamento de actividades deportivas extraordinarias como poden ser eventos da talla da Vilagarcía Basket Cup ou o Torneo Internacional de Fútbol 7, recibe unha inxección de 5.000 euros máis, o que supón un incremento do 33% respecto á suma da que se dispuxo este ano. Con esta medida a Fundación de Deportes recoñece a importancia de que unha cidade como Vilagarcía acolla torneos desta relevancia xa que, aparte de ser un xeito de promover o deporte e de motivar aos futuros deportistas da vila, tamén supoñen un importante elemento dinamizador para a economía local.

En total, o presuposto da Fundación de Deportes para 2016 elévase a 1.064.795 euros, 4.600 euros máis que dos que se dispuxo no corrente exercizo. Esta suma é inferior ao que se incrementan o gasto no apartado de transferencias, no que se enmarcan as subvencións (que en total ascende a 9.000 euros)pero a diferenza queda compensada cos 9.700 euros que se reducen do capítulo I de Gastos de Persoal coa correcta actualización do persoal adscrito á Fundación.

Os presupostos da Fundación recollen tamén a subida do 1% das retribucións ao persoal aprobada polo Estado, así como o abono da parte que quedaba por devolver da paga extraordinaria de Nadal suprimida en 2012.

A reunión extraordinaria do Consello reitor terá lugar o mércores, 23 de decembro ás 20:30 horas nas dependencias de Fexdega. A aprobación do presuposto é o único punto da orde do día.

21 de decembro de 2015 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.