A Fiscalía pide 10 anos para unha muller acusada de incendiar o piso da súa parella en Pontevedra
A Fiscalía mantén a súa solicitude de 10 anos de prisión para a muller acusada de incendiar o piso da súa parella e abrir a espita de gas na cidade de Pontevedra. Este martes celebrouse na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra o xuízo contra Erica P.S., acusada de incendiar o piso do seu marido, e contra o seu fillastro por un delito de lesións.
Ao termo do xuízo a fiscal Carmen Novo mantivo a súa solicitude de pena de 10 anos de prisión para Erica P.S., de nacionalidade brasileira, á que acusa dun delito de incendio con risco para a vida ou a integridade física das persoas por prender lume ao inmoble tras unha discusión co seu cónxuxe.
Erica P.S. convivía co seu marido e os fillos deste neste piso da rúa Francisco Asorey de Pontevedra, preto de Pasarón, cando sucederon os feitos.
Aínda que non quixo contestar ás preguntas da Fiscalía, nin dos avogados da defensa, a procesada explicou ao tribunal que ese día “viña de festa” e chegou á súa casa “moi bebida” cando iniciou unha discusión co seu marido. Declarou unicamente que tan só se acordaba de que “ía quentar algo para comer”, polo que puxo ao lume unha tartera con sopa.
Pola súa banda, o fillastro explicou que aquel 27 de xuño de 2013, ás 9,00 horas, Erica P.S. chegou á casa “moi borracha e alterada” e iniciou unha discusión co seu pai.
Para evitar a discusión, o home e os seus fillos baixaron ao segundo piso onde residen os avós, deixando a acusada soa no inmoble. Nese momento, o fillastro asegura que escoitou ruídos, polo que subiu de novo á cuarta planta atopándose a acusada no seu cuarto.
“Estaba a romper as miñas cousas”, apostilou. “Tratei de inmobilizala, agarrámonos e caemos ao chan ata que nos separou o meu pai”, relatou o fillastro.
PUÑAZO
A Fiscalía mantén que na súa discusión coa procesada o rapaz lle propinou un puñazo no pómulo, segundo o que a muller declarou no seu día á Policía Nacional. Non obstante, el negouno durante o xuízo.
“Non lle di ningún golpe directo, non tiña ningunha intención diso”, asegurou. Por estes feitos, a Fiscalía tamén formula acusación contra o fillastro da vítima, para quen solicita unha pena de oito meses de prisión e dous anos de afastamento con respecto á acusada.
Seguindo co relato coincidente dos feitos que fixeron o rapaz, o seu pai, e os seus avós, despois de que o mozo regresase á casa dos seus avós, deixaron de novo a acusada soa na casa. Poucos minutos despois se decataron do incendio e avisaron os bombeiros, que lograron apagalo.
Bombeiros e Policía Científica relataron ante os maxistrados da Sección Segunda que o lume tiña “dous focos independentes e inconexos entre si”; un no cuarto e outro no salón.
Ao respecto, coincidiron en sinalar a “perigosidade” do incendio, xa que xunto á “elevada carga do lume” había un fogón do gas na cociña coa espita aberta.
O escrito de acusación da Fiscalía sinala que Erica P.S., “movida pola intención de causar a súa destrución, procedeu a plantar lume cun acendedor”, e engade que a acusada tamén foi abrir o regulador da bombona de gas que había na cociña, tras o que saíu do inmoble á rúa.
Ademais da pena de prisión, a representante do Ministerio Público solicita que a muller indemnice os avós, que son os propietarios do piso, na cantidade de 30.310 euros polos gastos de limpeza, a reparación dos danos e a reposición do mobiliario.











