publicidade hoxe

A fin de semana estará marcada pola solidariedade e a artesanía en Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, o responsable local de Cáritas, Manuel Lois e a monitora de Zumba Adriana García Nascimento presentaron públicamente o Festival Solidario e a Feira de Artesanía que terá lugar no pavillón de deportes o vindeiro sábado 19 de decembro en horario ininterrumpido, de 11 a 22 horas. O prezo da entrada será a vontade e o recadado irá para sufragar as distintas actuacións que está a levar a cabo a ONG Cáritas Interparroquial de Ponte Caldelas.

Adriana García Nascimento, que leva máis dun mes organizando este evento, salientou a grande colaboración atopada entre os artistas participantes así como nos monitores de Zumba e Djembel Dance que intervirán ao longo dun amplio programa que se inciará ás 11 coa apertura da Feira de Artesanía na que participarán artesáns locais ofrecendo ao público as súas creacións a prezos especiais.

Ás 12 h. intervirá o grupo de danza “Os Coribantes” coordinados polo seu director Andrés quen ofrecera un variado repertorio que servirá para abrir as actuacións musicais e de baile que terán lugar ao longo de toda a xornada.

Ás 16 horas tomará o relevo musical o grupo de danza “Asociación Cultural Tralovalo”. Unha hora máis tarde actuará o grupo folclórico “Catro Ventos” e ás 17:30 h. serán os compoñentes do grupo “Laranxada de Limón” os que actúen sobre o escenario instalado no pavillón de deportes de Ponte Caldelas.

Ás 18 horas serás os alumnos do IES de Ponte Caldelas os que subirán á escea para amosar varias coreografías compostas para a ocasión. Media hora máis tarde, terá lugar a exhibición de Zumba Kids/junior para deixar paso aos maiores.

Así, entre as 19 e as 21 horas terá lugar unha Zumba Fitness e Djembel para enfilar a recta final do festival solidario, a partir das nove da noite, Jane Zouk e Luizinho AstralLambazouk cunha exhibición de bailes latinos. 

Pola súa banda o responsable local de Cáritas, Manuel Lois, agradeceu a iniciativa solidaria emprendida por Adriana García e salientou que “o importante do evento non son os cartos que se poidan recadar, aínda que todo axuda, senón que o que é un acto pensado para as persoas, para que se divirtan, para que estean xuntas e que compartan a carón dunha acción solidaria. As persoas están por enriba de todo, incluso das necesidades. Temos que ir construíndo unha sociedade máis xusta, máis digna e máis igualitaria”.

Manuel Lois lembrou nestas datas de Nadal a aquelas persoas que están soas e sobre todo fixo unha reflexión cara os anciáns, as persoas maiores e fixo un chamamento a unha concienciación desde a educación, a familia e o colexio, sobre a concienciación humana e a solidariedade. 

Lois lembrou tamén que Cáritas ten un amplio programa de actuación ao longo de todo o ano e salientou a celebración do seu Rastrillo que “non queremos que teña ningún contido mercantilista, nin comercial por eso tamén falamos cos empresarios e comerciantes locais para explicarlles que non se trata de facerlles competencia. O que nós facemos alí trascende do mero intercambio de bens, trátase dun lugar de encontro, de feito temos unha mesa central, arredor da cal promovemos o diálogo e a interacción humana”. 

Tamén anunciou que o vindeiro día 24 de decembro terá lugar no local social de Cáritas un encontro para cantar panxoliñas e compartir doces de Nadal. O 26 terán unha conferencia a cargo do enxeñeiro Daniel Lois sobre outro mundo posibe e o 29 haberá unha charla sobre “A plenitude da vida”, impartida polo filósofo e teólogo Xesús Porto Ferro sobre o paso dos anos e a chegada da vellez. O Rastrillo clausurarase o vindeiro 5 de xaneiro cunha festa de remate.

Finalmente, o alcalde Andrés Díaz agredeceu a iniciativa solidaria levada a cabo por Adriana García e salientou o traballo que está a levar a ONG Cáritas Interparroquial de Ponte Caldelas e animou a esta institución a seguir colaborando co Concello “na atención a moitas persoas do noso municipio que o precisan. É moi louvable o traballo que realizan moitas persoas, que están xubiladas, e que adican o seu tempo precisamente a axudar aos demais. Neste tipo de iniciativas e de actuación aprol dos máis desfavorecidos sempre terán a colaboración e a axuda deste alcalde, o novo grupo de goberno e de todo o Concello”, indicou Díaz.

17 de decembro de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.