A feira Ofeitoamán en Vigo érguese como cita de referencia da Artesanía de Galicia no Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Sol Vázquez na visita a Ofeitoamán

Sol Vázquez na visita a Ofeitoamán

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitaron hoxe en Vigo a feira de artesanía Ofeitoamán, coa que a Consellería de Economía, Emprego  e Industria colabora un ano máis polo papel na promoción e comercialización da artesanía galega deste encontro que se ten consolidado como cita de referencia da Artesanía de Galicia no Nadal.

O evento, que comezou o 19 de decembro na terraza exterior do Centro Comercial A Laxe de Vigo, é organizado pola Asociación Galega de Artesáns (AGA), e acolle unha ampla mostra de artigos de produción artesá de 20 obradoiros artesáns, procedentes de toda Galicia e Portugal, e de actividades tan variadas como a xoiería, o traballo do coiro, a fabricación de calzado, o vidro, os complementos, elementos de papel, o téxtil ou a cerámica. Ata o vindeiro 5 de xaneiro de 2016 Ofeitoamán é unha visita obrigada no Nadal para os cidadáns e cidadás de Vigo, e tamén para moitas persoas que se desprazan dende outros puntos de Galicia. 

O apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria a este tipo de feiras permite avanzar no fortalecemento da comercialización do produto artesán galego, unha das liñas de acción contempladas no Plan de Artesanía de Galicia, posto en marcha pola Xunta co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

21 de decembro de 2015 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.