A Deputación de Pontevedra réndelle homenaxe ao fundador da Escola de Cantería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na homenaxe ao fundador da Escola de Cantería

Carmela Silva na homenaxe ao fundador da Escola de Cantería

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada Montse Magallanes, acudiu hoxe á Escola de Cantería para renderlle homenaxe a Rafael Fontoira Surís, fundador do centro. Carmela Silva destacou que “toda a provincia e Galicia deben render un recoñecemento a Rafael Fontoira, pai da Escola de Cantería e un home comprometido coa mesma, ata o extremo de aportar o seu patrimonio para que puidese seguir funcionando”.

Silva destacou que “somos a comunidade con maior riqueza artística en pedra polo que debemos seguir traballando para que non se perda a nosa historia, a nosa identidade, o noso patrimonio, pero tamén para que sigamos construíndo patrimonio en pedra e que así as vindeiras xeracións sigan afirmando que somos o territorio con maior arte en pedra”. Por todo iso a presidenta agradeceu a tarefa que realizou Rafael Fontoira, “pai desta Escola, que loitou por mantela e darlle o prestixio que hoxe ten, un home que deu tanto por esta gran profesión que converte a pedra, que forma parte da nosa identidade, en arte”.

Así mesmo, Carmela Silva anunciou que quere que Rafael Fontoira asesore a Deputación de Pontevedra en canto á Escola de Cantería, polo coñecemento que ten desta, e en materia de patrimonio.

Pola súa banda, Rafael Fontoira agradeceu as palabras da presidenta da Deputación “dobremente, porque teño que dicir que os anteriores fixeron todo o contrario, non me deron nin a oportunidade que lles daba Franco para as persoas coma min, que lles mandaban unha carta de cese por un motorista”. Pese a iso Fontoira destacou que ter rancor non serve para nada e afirmou que “gardo unha inmensa alegría por esta Escola, por este edificio que tantos anos me custou facer, polo esforzo que supuxo que se puxesen de acordo a Deputación coas consellerías para que pagasen este edificio, por ver que o plan de estudos que fixen segue funcionando, pero sobre todo por ver que segue habendo alumnado na Escola”.

Ademais, Fontoira aproveitou a homenaxe para pedirlle á presidenta da Deputación que “siga apoiando a Escola de Cantería, porque facelo é apoiar o espírito das galegas e galegos e o máis devanceiro dos oficios da provincia de Pontevedra”.

Finalmente, a presidenta da Deputación felicitou os gañadores dos premios de modelaxe 2015, Cristian Jabois Pérez e Sergio Paz Sotelo, pola obra El pacto, na categoría B, e Raúl Martínez López pola obra Niña con caballito, na categoría A.

14 de decembro de 2015 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.