A Deputación de Pontevedra impulsa un proxecto para favorecer a competitividade da industria metalúrxica da Eurorrexión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O novo goberno da Deputación de Pontevedra ten entre os seus eixos prioritarios impulsar políticas que xeren emprego e impulsen a economía produtiva como modelo para facilitar o crecemento económico. Neste contexto presentouse hoxe o proxecto CIME de cooperación intelixente para favorecer a competitividade da industria metalúrxica da Eurorrexión, en colaboración coa Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME), a Asociación de Industriais Metalúrxicos Metalmecánicos e afíns de Portugal (AIMMAP), o Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalomecánica (CATIM) e a Fundación Galega do Metal para a formación, cualificación e emprego FORMEGA.

O proxecto CIME ten entre os seus obxectivos, tal e como subliñou Silva, “xerar un claro retorno e impulsar o crecemento económico, crear emprego, incrementar a competitividade empresarial, o I+D, as novas tecnoloxías e a formación, facendo partícipes os concellos e traballando conxuntamente con Portugal para promover proxectos que beneficien o conxunto da sociedade”. A presidenta da Deputación destacou a importancia da colaboración e da suma de sinerxías para impulsar proxectos que consigan que a sociedade avance.

Ademais, Carmela Silva subliñou o papel das administracións no impulso de actuacións coma esta asegurando que “non podemos ser simplemente xestoras de recursos públicos senón que temos que promover a colaboración público-privada e converternos en administracións que estamos preto da realidade do noso entorno, abertas a colaborar nunha relación de igualdade e intelixencia para poder poñer en valor proxectos que ilusionen a sociedade e impulsen a innovación e o desenvolvemento”.

Pola súa banda, os colaboradores do proxecto CIME divulgaron a importancia de promover a competitividade do sector metalúrxico na Eurorrexión, cunha importante contribución ao PIB (16 % do PIB galego) e a xeración de postos de traballo. Así, o director xeral de CATIM destacou a importancia de CIME para o sector debido, fundamentalmente, “á necesidade de impulsar a innovación e formación para poder competir nunha economía circular e dixital que aposta pola customización, pola análise, pola produción 4.0, por transformar produtos en servizos e por novos modelos de negocios”.

O vicepresidente de AIMMAP, que aglutina máis de 1.000 empresas metalúrxicas portuguesas, subliñou “a importancia de favorecer e mellorar a competitividade no sector metalúrxico, que representa unha terceira parte das exportacións portuguesas”.

Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME, agradeceu o impulso que a Deputación de Pontevedra está a dar ao sector metalúrxico a través do proxecto CIME. Así, Mallón manifestou a súa satisfacción pola “proactividade da institución provincial respecto á posibilidade de impulsar un proxecto de internacionalización, innovación e formación da industria metalúrxica”.

23 de decembro de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.