A Deputación de Pontevedra asinará un convenio de colaboración coa Real Academia Galega para impulsar un proxecto común de posta en valor da cultura galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reuniuse esta mañá, por vez primeira de forma oficial, co presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, coa finalidade de abordar un convenio de colaboración que permita impulsar un proxecto para poñer en valor a cultura e a lingua galegas.

Carmela Silva enxalzou a figura de Xesús Alonso Montero, “presidente da Real Academia Galega e un dos grandes homes da cultura galega, firme defensor da nosa lingua”, ao tempo que salientou a importancia da Academia para Galicia. Así, Silva destacou que se trata “dunha institución da que todas as galegas e os galegos nos temos que sentir orgullosas e orgullosos, e que todas as políticas e os políticos debemos defender para que se poida manter a súa riqueza”.

A presidenta da Deputación engadiu que “nesta sociedade, que está en crise económica, política, institucional e social, a cultura ten que ser esa porta e fiestra que poidamos abrir, que permita que a nosa sociedade tome impulso cara adiante e que Galicia se converta nunha comunidade moderna, capaz de abrirse ao mundo”. Por iso, segundo asegurou Silva, “desde as administracións estamos obrigados a colaborar coa Academia para que a nosa cultura siga tendo aquelas 1.000 primaveras máis das que sempre falamos, para que a cultura volva ocupar na sociedade o lugar prioritario que lle corresponde, algo que, ata o de agora, non estaba a suceder”. Coa finalidade de acadar estas metas, Silva manifestou un compromiso claro de colaboración da Deputación de Pontevedra coa Real Academia Galega, que se materializará nun convenio que permitirá desenvolver un proxecto concreto para promover a cultura e a lingua galegas.

Pola súa banda, Xesús Alonso Montero subliñou que “é a primeira vez que escoito a quen preside unha Deputación unhas palabras sobre o significado que ten a cultura e a lingua galega en Galicia”. Ademais, con respecto ao convenio que proximamente subscribirán a Deputación e a Real Academia Galega, Montero destacou que “coñezo a Carmela Silva desde hai bastante tempo, cando ela era alumna de Maxisterio, e sei que as palabras que dixo son palabras que subscribe. Estou convencido de que, na medida do posible, vai estar á altura das palabras que lle dedicou ao papel que debe xogar a cultura en Galicia”.

7 de decembro de 2015 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.